
Sábado, 01/02/2025 · 13:05h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Xogador e Club amplían a súa vinculación por dúas temporadas máis.
O Noia Portus Apostoli FS e o xogador David Pazos alcanzaron un acordo para alongar a súa relación contractual dúas temporadas máis, ata xuño de 2027.
O á de Ames cumpre nesta 2024/2025 a súa segunda temporada no Portus Apostoli, no que se converteu en peza fundamental desde a súa chegada aportando talento, xerarquía e experiencia de máis dunha década na categoría.
Nesta temporada e media como noiés, Pazos disputou ata a data un total de 48 partidos oficiais, anotando 22 goles e repartindo 15 asistencias que contribuíron a, entre outros, manterse en Primeira e erguer a XXXII Copa Galicia FS o curso pasado.
Coa continuidade de David Pazos, o Portus Apostoli asegúrase seguir contando cun activo clave no equipo, tanto no vestiario como na pista, que, ademais, como galego e terceiro capitán, é un exemplo de sentimento de pertenza.
“Estou moi contento e oxalá sexan moitos anos máis”
“Moi contento de poder seguir neste Club, co que me identifico ao 100% desde o primeiro día, o trato sempre foi marabilloso para min e para a miña familia”, confesa David Pazos nas súas primeiras palabras tras aumentar contrato ata 2027.
O de Ames define á Vila como “o meu sitio” e destaca do Club que “me dá cousas que ningún outro Club do mundo me pode dar e iso pesa na toma de decisións”, tales como “poder disputar a máxima categoría nacional na casa, nun Club galego, co que te sintes identificado, e non se pode pedir máis”, expresa.
Sobre a negociación, o á de 31 anos recoñece que “foi moi fácil por ambas partes, ao igual que cando vin en 2023”, xa que “me sinto moi querido desde o primeiro día e cando as cousas se dan así, todo é máis sinxelo”.
Co futuro claro, é momento de seguir apretando por lograr os obxectivos. “Somos conscientes do Club que somos e a competición cada día é máis esixente”, afirma Pazos, que non dubida en detectar a clave en que “temos que loitar ata o final, a temporada pasada demostramos que así conseguímolo, e estou seguro que este ano seguimos na mesma liña” de cara á permanencia en Primeira e erguer unha nova Copa Galicia, o que sería o prólogo perfecto a dúas campañas máis que, agarda, “tamén sexan moi boas”.
Comentarios