top of page

“Con ganas de demostrar o que vallo, aportar ao equipo e conseguir obxectivos”

Aug 8
2 min read
Sábado, 08/08/2026 · 17:24h | O pivote leonés preséntase coas súas primeiras palabras como xogador do Portus Apostoli.

Os novos efectivos do Portus Apostoli continúan presentándose. Despois de Juampi Cuello, é o turno de Dani Colón. O pivote, cedido esta campaña en Noia polo Inter JP Financial, fala ao término da primeira semana de pretemporada.


Saír da Comunidade de Madrid é para el “unha experiencia nova, nunca vivín fóra da casa”. Agora, en Noia, está nun lugar que “ten de todo” e cun equipo cuxo grupo é “súper top, todos me recibiron moi ben”. Colón amósase “a verdade, moi contento”, mentres está “adaptándome ao modelo de xogo” nunha pretemporada que, como todas, é “un pouco dura, pero é o que ten que ser”, recoñece. O leonés ve aos seus compañeiros “enchufados” e convencido de que “o que veña será mellor”.


Chegar ao Mourís foi unha decisión que se fraguou unha vez terminada a súa etapa do filial no Inter JP Financial, onde estaba en dinámica de primeiro equipo, e grazas ás boas referenzas noiesas. “Todo o mundo me falou súper ben de como se trata ao xogador en Noia, o ambiente é moi positivo”, afirma. A súa fonte principal, unha voz moi autorizada. “Con Pirata fixen moi boas migas en Inter e faloume súper ben do sitio”, o que conlevou que “non tardei moito en decidirme”, confesa.


Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS


O ex capitán branco botoulle unha man sobre “a adaptación ao equipo e ao Club”, pero non foi o único en axudalo nesta transición. Montero, ex compañeiro en Inter e amigo, aconsellouno “a nivel de vivir fóra, como organizarse. É un gran apoio aquí. Cando chegas a un vestiario novo, ter un amigo de antes está súper ben e estou moi agradecido a ambos”, expresa.


Xa instalado, o pivote afronta esta nova etapa “con moitas ganas, é a miña primera experiencia máis seria en Primeira. Con ganas de demostrar o que vallo, aportar ao equipo e conseguir os obxectivos”, admite o xogador, que se describe como “un guerreiro, utilizo as dúas pernas, son forte, un xogador ofensivo”, engadindo que “o que máis podo aportar é profundidade ao equipo e goles, agardo”.


Demostrando ao máximo todas esas cualidades, Dani Colón confía en darlle á súa nova afección “moitas alegrías este ano. Vin como visitante e mola un montón, énchese, a xente canta, e telos do teu lado máis aínda. Espero gozar este ano de todos eles e conseguir os obxectivos”, finalizou.

Comments


bottom of page