“Dixéronme que Noia é unha familia e comprobeino ao chegar”
- 11 minutes ago
- 2 min read
A pretemporada 2026/2027 xa empezou para o Noia Portus Apostoli FS, e cos xogadores xa esixíndose no Mourís, é momento de coñecer ás novas caras que aínda non se presentaron. Ese é o caso, entre outros, de Juampi Cuello.
O arxentino, como todo acabado de chegar, está aclimatándose paralelamente ao Club e á Vila. “Cheguei o venres, así que tiven uns días para adaptarme, e a verdade moi ben, Lean (Altamirano) sacoume a coñecer Noia”, confesa o xogador, que valora tamén que “o grupo recibiume moi ben, así que contento”. Sobre os adestramentos, o peche afirma que “están sendo duros e intensos”, pero incide en que “é o que temos que facer, estámonos preparando”.
Cuestionado sobre os motivos para decidirse polo Portus Apostoli, Cuello desvela que pesou especialmente que “dixéronme que Noia é unha familia e comprobeino ao chegar. Iso está ben para os que estamos lonxe da casa, sentirnos acompañados”, ademais do gran papel do equipo o curso pasado, o que supón “unha motivación extra” e “ganas de melloralo”.
Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Defínese como “un xogador defensivo, ordenado, trato de ser un armador de xogo e poñer aos meus compañeiros que son máis ofensivos en situacións nas que estean máis cómodos”. Iso, xunto a algo intrínseco dos arxentinos, “un xogador que o dá todo ata o final”, é o que se vai a atopar a parroquia noiesa. Curiosidades da vida, diante dela marcou o seu ata a data único gol en España, no Noia PA FS 4-3 Osasuna Magna do pasado marzo. “Agardemos que os próximos aquí sexan varios e coa nosa xente”, expresa entre risas.
Tras a pasada no conxunto de Pamplona, esta será a súa segunda no campionato, aínda que a 2026/2027 será ‘nova’ para todos polos matices introducidos. “O formato non nos vai a cambiar moito, temos que seguir cos nosos obxectivos, traballando da mesma forma”, afirma Juampi, desexoso xa de “xogar o primeiro partido na casa”, onde espera a unha afección “que nos apoie moito e nos acompañe durante toda a temporada, que eu creo que o equipo vai a responder na cancha”.



















Comments