top of page

CRÓNICA X9 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA “B” 7-3 XOV) | Reacción contundente


Luns, 11/11/2024 · 11:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Filial borra a dinámica negativa e convence cunha goleada sobre o ADAMO Xove FS.


Quería recobrar sensacións dunha vez por todas o Filial, e vaia se o fixo. O conxunto dirixido por Guille Murillo completou unha actuación moi seria en liñas xerais ante o ADAMO Xove FS, un dos equipos con máis calidade do campionato, e tivo o acerto necesario para terminar goleando por 7-3.


E iso que a cousa empezou ameazando con vellas pantasmas. A pesar de que eran os filialistas os máis propositivos, foron os visitantes os que abriron a lata. Renato aproveitou un erro no pase de Álvaro en saída de presión para superar a Pablo e abrir o marcador no 7’ de xogo.


Porén, o Filial soubo recompoñerse e deulle a volta ao resultado, grazas aos goles de Iago López e Izan. Pouco durou a vantaxe, xa que Christian empatou de novo cun remate de volea en acción a balón parado, faceta na que o Xove volveu a xerar perigo segundos despois, enviando o esférico á madeira.


Orden e puntería


No inicio da segunda metade foi o ADAMO Xove FS o que fallou en zona comprometida, e o Filial non perdoou. Corría o minuto 2 do reinicio cando Canario se facía cun pase perdido de Edu, meta rival, para convertir o 3-2.


A base de forza individual máis que de equipo, o conxunto visitante quixo buscar o empate. Aí, a diferenza de noutras citas, sacou a súa cara máis sólida o Portus Apostoli “B”, controlando o partido con contundencia e ideas claras. Só as cinco faltas no seu haber puxeron un pouco en apretos o plan branco, pero un minuto 31 de ouro, no que chegaron o gol de Gandoy e o misil dirección escadra de Canario, borraron de golpe esa preocupación.


Respondeu o ADAMO Xove FS introducindo o porteiro-xogador, e tras tres minutos de ataque en superioridade, con dúas grandes paradas de Pablo entre medias, Marcos reducía distancias para os seus. A reacción dos lucenses quedaría nun conato, xa que os filialistas volverían a gozar a continuación doutro minuto de inspiración máxima, cos tantos de Koeman e Teo certificando no 37’, xunto ao fallo no tiro de dez metros de Christian instantes despois, un balsámico triunfo do Filial noiés.



Próximo partido


Os noieses, que escalan á 8ª praza con 11 puntos, visitarán a vindeira fin de semana ao Sibuscascoche Ribeira FS, o domingo 17 en horario por confirmar, na 10ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Pablo (p), Lucho (c), Teo, Koeman e Canario. Tamén xogaron Koke (p), Izan, Gandoy, Álvaro, Dani Prieto, Hugo, Iago López e Jorge.


ADAMO Xove FS: Edu (p), Marcos, Renato, Christian e Nico López. Tamén xogaron Barri, Manu Jiménez, Christian C. e Rafa.


Goles: 0-1 Renato (7’), 1-1 Iago López (10’), 2-1 Izan (12’), 2-2 Christian (12’), 3-2 Canario (22’), 4-2 Gandoy (31’), 5-2 Canario (31’), 5-3 Marcos (36’), 6-3 Koeman (37’), 7-3 Teo (37’).


Os colexiados Manuel Castro Fernández e Adrián Figueroa Veiga amoestaron nos noieses a Álvaro (26’), Jorge (30’) e Koeman (33’). Sen amoestacións nos visitantes.


Incidencias: partido correspondente á xornada 9 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page