O Filial non deu opcións ao Praias de Barreiros na mañá de domingo, impoñéndose de maneira contundente para lograr o 9º triunfo en 9 partidos.
Unha máis para o Filial, que superou ao Praias de Barreiros na mañá de domingo no Agustín Mourís e xa suma 9 vitorias en outros tantos partidos, 27 puntos de 27 posibles que o consolidan no liderado da categoría.
11 minutos foi o tempo que lle custou aos brancos abrir o marcador. Hugo fixo bo un balón solto na área para converter o 1-0, e apenas un minuto despois, Lukas frutificou unha acción de saque de esquina que supuxo o 2-0. O Praias reduciu distancias cun envío envelenado do porteiro que despistou a Iván. Non se deixou sorprender o Filial, e practicamente na seguinte xogada, Jorge conseguiu cun golpeo preciso desde banda esquerda o 3-1 que semellaba curto, tendo en conta as oportunidades das que gozaron os noieses.
O tanto de Álex López no 24’ deixaba moito camiño feito para o Portus Apostoli “B”. Porén, non se rendían os da provincia de Lugo, que no 33’ volvían a poñer en dous goles a distancia. Pero na recta final, os brancos atoparon o acerto que non tiveran nos minutos anteriores para, coas dianas de Dani Prieto, a segunda de Álex López e as dúas de Brais, colocar o 8-2 definitivo.
Un partido menos e tres puntos máis para o Noia Portus Apostoli FS “B”, que, polo aprazamento do encontro do Distrito Ventorrillo FS contra o Ribeira FS, ten agora 6 puntos de diferenza co segundo clasificado. A vindeira semana, os noieses visitarán ao SD Pazos de Borbén FS, na xornada 10 da Terceira División FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Jorge, Pau (c) e Dani Prieto. Tamén xogaron Théo (p), Lukas, Gandoy, Brais, Hugo e Álex López.
Praias de Barreiros CD: Yunque (p), Semedo, Miguel (c), Christian e Santiago. Tamén xogaron Mirko (p), Aarón, Diego López, Ares e Sergio Rivas.
Goles: 1-0 Hugo (11’), 2-0 Lukas (12’), 2-1 Yunque (15’), 3-1 Jorge (16’), 4-1 Álex López (24’), 4-2 Diego López (33’), 5-2 Dani Prieto (34’), 6-2 Álex López (37’), 7-2 Brais (38’), 8-2 Brais (40’).
Os colexiados Adrián García López e Yago Seijas Piñeiro amoestaron con cartón amarelo polos locais a Lucho (3’) e polos visitantes a Yunque (14’) e Aarón (27’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 9 da Terceira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments