top of page

CRÓNICA X8 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (XOV 5-6 NPA “B”) | Sobrepoñéndose a todo

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Nov 1
  • 3 min read
Sábado, 01/11/2025 · 15:06h | Os filialistas realizan un enorme exercicio de competitividade para gañar na pista dun gran equipo.
Sábado, 01/11/2025 · 15:06h | Os filialistas realizan un enorme exercicio de competitividade para gañar na pista dun gran equipo.

Convocatoria curta, marcador en contra, lesións, expulsións, penalti fallado... e, aínda así, o Noia Portus Apostoli FS “B” conseguiu sacar os tres puntos na súa visita a Xove para asinar os 16 no seu casilleiro e durmir o venres 2º na clasificación.


As desgrazas comezaron cedo. No 1’ xa se adiantara o Xove, e no 6’ Jaime Pan caía lesionado, decimando aínda máis unha xa reducida expedición filialista. A primeira boa nova trouxoua Oliver Chenel, logrando o empate no 6’. Poren, os locais conseguiron volver a poñerse en vantaxe e chegar ao 3-1. Antes do descanso, o capitán Hugo aproveitou un balón solto para colocar o 3-2, apenas segundos máis tarde da expulsión por dobre amarela do técnico noiés, Chipi.


Nunca renderse, a veces, ten premio


Precisamente Hugo iríase antes de tampo á caseta no reinicio. Outra baixa máis para os filialistas, que quedaban con nove efectivos, dous deles porteiros, e sen o seu adestrador na banda. ‘O que non te mata, faite máis forte’, deberon pensar os brancos, que a estas alturas do encontro poderían disputarlle un pulso a ‘Hulk’ ou ‘A Cousa’, e cun menos na pista debuxaron unha xogada espectacular para que Koeman igualara a tres tantos.


Oliver Chenel tivo nas súas botas o 3-4, pero o seu disparo desde o punto de penalti detívoo Edu, e o cadro mariñano non tardou en sacar renda co 4-3 xusto antes do ecuador do segundo acto. Aí, Koeman volveu a emerxer, esta vez convertendo con sutileza un disparo de falta para reestablecer o empate.


En medio de todas as eventualidades, os noieses buscaban dominar o coiro e tumbar o parqué cara o lado local a través das incorporacións do gardameta Koke. E nunha delas sacaron o petróleo do gol, grazas a un mal despexe de Manu Jiménez cara o seu propio marco.


Por primeira vez en desvantaxe, o SD Xove FS meteu porteiro-xogador e o Noia tivo o acerto de penalizar ao instante, con Nico Cuello anotando desde a súa media pista o 4-6. A partir de aí, foron catro minutos de sufrimento e resistencia para os irredutibles filialistas, que só encaixaron a uns poucos segundos do final o 5-6 que non impediu o desate de alegría por unha vitoria histórica -primeira en Xove-, moi loitada e importante na clasificación.


Próximo partido


O conxunto noiés recibirá ao Deportivo Laviana FS o sábado 8 ás 18:00h pola novena xornada liguera.



Ficha técnica

SD Xove FS: Edu (p), Marcos, Nico, Pancho e Renatinho. Tamén xogaron Manu Jiménez (c), Iago Míguez, Henry, Antón Couto, Christian, Dina Jr, Parra e Rafinha.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Hugo (c), Koeman, Teo e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Mateo Varela, Jaime Pan, Iago López, Cepeda e Nico Cuello.


Goles: 1-0 Renatinho (1’), 1-1 Oliver Chenel (6’), 2-1 Pancho (12’), 3-1 Renatinho (16’), 3-2 Hugo (17’), 3-3 Koeman (24’), 4-3 Rafinha (29’), 4-4 Koeman (31’), 4-5 Manu Jiménez, en propia portería (34’), 4-6 Nico Cuello (36’), 5-6 Pancho (40’).


Os árbitros Adrián García e Sergio López Ramudo amoestaron con tarxeta amarela nos locais a Manu Jiménez (17’), Antón Couto (27’) e Iago Míguez (31’). Nos noieses, amarelas ao adestrador Chipi (14’ e 17’), Hugo (18’ e 23’), Iago López (19’), Mateo Varela (27’) e Koke (30’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 8 do Grupo 1 da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal de Xove.

Comments


bottom of page