Luns, 28/10/2024 · 18:30 · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | A pesar das baixas, o Filial plantou cara a un dos máximos contendentes ao título.
O Filial noiés caeu por 1-4 ante a visita ao Mourís do Caja Rural Atlético Benavente, que segue opositando como un dos favoritos ao campionato do Grupo I, nun partido no que as numerosas baixas non lle impediron competir ao máximo.
O conxunto de Guille Murillo tardou en entrar ao encontro, e os benaventanos aproveitárono anotando o 0-1 no 4’. Co paso dos minutos, os brancos foron progresando no contexto do partido e comezaron a ter chegadas sobre o marco rival. A máis clara, un disparo de Jaime Pan que rebotou no pau. Pouco despois, o Benavente aumentou diferenzas nunha rápida acción de ataque.
Un “gol pantasma” acabou de marcar todo
O panorama púxoselle máis costa arriba ao Filial aos cinco minutos do reinicio co 0-3, e tan só un máis tarde produciuse a polémica. Os colexiados concederon o cuarto gol aos benaventanos nun balón que Hugo semellaba despexar sobre a liña. As insistentes protestas noiesas desembocaron na expulsión por dobre amarela ao propio Hugo.
Cun menos, os brancos non baixaron os brazos. Tras resistir a inferioridad numérica, apostaron polo porteiro-xogador, e na primeira intentona Koeman fixo o 1-4, alimentando as esperanzas con aínda 9 minutos por disputarse. Porén, ata aí alcanzaron as boas novas, xa que a encomiable insistencia dun bloque noiés que o deixou todo chocou coa defensa benaventana ata o final.
Próximo partido
Os noieses, que son 9º con 8 puntos, visitarán ao CD San Cristóbal Núñez Automoción o sábado 2 de novembro ás 19:00h.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Pablo (p), Izan, Jaime Pan, Teo e Canario. Tamén xogaron Koke (p), Lucho (c), Fer, Koeman, Dani Prieto e Hugo.
Caja Rural Atlético Benavente FS: Dani Simón (p) (c), Guancho, Sergio Simón, Aitor e Chávez. Tamén xogaron Corral, Isi, Jiménez, Jorge, Pablito e Alejandro.
Goles: 0-1 Chávez (4’), 0-2 Chávez (18’), 0-3 Aitor (25’), 0-4 Pablito (26’), 1-4 Koeman (31’).
Os colexiados Daniel Dacal Deza e Tania María Penabad Canel amoestaron con cartón amarelo polos noieses a Pablo (8’), o adestrador Guille Murillo (11’), Canario (19’), Hugo (25’ e 26’) e Koeman (31’). Nos benaventanos, amarelas a Guancho (6’ e 40’), Aitor (10’), Dani Simón (18’) e Sergio Simón (19’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 7 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments