top of page

CRÓNICA X7 TERCEIRA (NPA “B” 3-0 5CO) | Suado triunfo para reclamar o liderado en solitario

A axustada vitoria fronte o 5 Coruña FS, máis a derrota do Distrito Ventorrillo FS, deixa aos noieses como único conxunto na cabeza da Terceira División Fútbol Sala.

Os xogadores do Filial celebran un dos goles da tarde (foto: Pichero)

O Noia Portus Apostoli FS “B” xa é líder en solitario da Terceira División Fútbol Sala, logo de desfacerse do 5 Coruña FS nun encontro moi disputado que se resolveu na segunda metade.

Noieses e coruñeses demostraron desde o inicio o ritmo e intensidade que se lle prevía ao choque. As oportunidades ían de portería a portería, cun excelso Iván que salvou aos seus en máis dunha ocasión, e tamén viu como o poste evitaba, na máis clara ata ese momento, o gol de Luisma para o 5 Coruña.

Clave foi para o descorrer do partido que os brancos, máis imprecisos que outros días, foran quen de abrir a lata e poñerse por diante. Fixérono por medio de Hugo, encargado de finalizar no segundo pau unha combinación entre Gandoy e Lukas, previa recuperación na presión, no minuto 15.

Nun segundo acto que se desenvolveu polo mesmo camiño e cos gardametas como protagonistas, terminarían sendo decisivas as faltas. Colocouse con bonus o cadro coruñés con 10 minutos por disputarse, e, precisamente, no lanzamento desa quinta falta lograría o Portus Apostoli “B” o segundo tanto, o da tranquilidade, cun golpeo certeiro de Álex López. Pouco despois, no segundo dos tres disparos de dez metros que dispuxo o Noia, Pau convertiu o 3-0 definitivo, que terminou por afundir as esperanzas do 5 Coruña FS que, nin co porteiro-xogador, puido derribar a muralla defensiva capitaneada excepcionalmente por Iván.

21 puntos de 21 posibles, 7 triunfos en 7 partidos e liderado da categoría, xa non compartido, pola derrota do Distrito Ventorrillo FS o sábado, que deixa aos noieses en solitario no máis alto. Chegarán momentos nos que se perda a brillantez, pero, polo momento, o Filial xa demostra que sabe golear e tamén sufrir e tirar de madurez para gritar vitoria.


 
Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lukas, Álex López, Hugo e Gandoy. Tamén xogaron Lucho, Dani Prieto, Pau (p), Brais e Jorge.

5 Coruña FS: Vitu (p), Marco, Tojo (c), Víctor Rodríguez e Luisma. Tamén xogaron Koke (p), Mejuto, Quindimil, Vilariño, Jairo, P. Martínez e Puertas.

Goles: 1-0 Hugo (15’), 2-0 Álex López (28’), 3-0 Pau (31’).

Os colexiados Roberto Pérez Giráldez e Alejandro Rodríguez Travieso amoestaron polos locais con cartón amarelo a Dani Prieto (37’). E polos visitantes, viron a amarela Mejuto (8’), Luisma (28’), Víctor Rodríguez (28’) e Marco (31’).

Incidencias: partido correspondente á xornada 7 da Terceira División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page