top of page

CRÓNICA X7 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA (MAG 4–3 NPA) | Derrota in extremis en Anaitasuna

36 minutes ago
3 min read
Domingo, 01/11/2026 · 21:18h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Un gol local no último minuto privou aos noieses de sumar polo menos un punto en Pamplona.
Domingo, 01/11/2026 · 21:18h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Un gol local no último minuto privou aos noieses de sumar polo menos un punto en Pamplona.

O Noia Portus Apostoli FS encaixou en Anaitasuna a súa segunda derrota consecutiva (4-3), nun duelo no que o empuxe local superou a un cadro noiés lastrado polas baixas e que, ademais, non tivo o seu mellor día.


As cousas empezaron a torcerse nada máis comezar. Avisou primeiro o Noia, pero na transición o Magna Xota FS golpeou co 1-0 de Mendive, apenas tras 20 segundos de xogo. Cos noieses tratando de recompoñerse, o cadro verde fixo o 2-0 no 8’ por medio de Aimar, máis atento ao espazo atacado polo pase do seu meta Asier.


Charly caeu lesionado antes do descanso | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Charly caeu lesionado antes do descanso | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Co panorama costa arriba, o Portus Apostoli soubo reaccionar e pronto. Altamirano, cun remate desde fóra da área, e Dani Colón, nunha formidable acción de pivote a servizo de lonxe de Peixe, igualaron a contenda aínda no ecuador do primeiro acto. O 2-2 animou aos brancos, que se fixeron definitivamente co control do coiro. Porén, non lograron rubricalo no marcador. Rozárono especialmente entre Macedo e Biel, nunha pelota que acabou na madeira xusto antes do descanso. Nese momento, o equipo de David Palmas xa perdera a Charly por lesión, sumándose á larga lista de baixas.


Cambio de guión


Á saída de vestiarios, o Magna Xota FS volveu a apretar as porcas do Noia. A piques de meter o terceiro quedou Mendive nun disparo ao pau no primeiro minuto do reinicio. Pouco a pouco, os noieses fóronse erguendo e igualando as forzas. Ademais, incorporando a Rubi, que reaparecía nas canchas máis dun mes despois. Pero, nesas, o conxunto local converteu o 3-2 a través de Campàs, máis activo para traducir unha xogada aillada en gol.


O terceiro tanto pamplonés deixou groguis aos brancos. Influenciado por iso e as cinco faltas no seu haber, David Palmas respondeu introducindo a Thierry como porteiro-xogador con 8 minutos por contar no crono. Biel e Koeman tiveron as primeiras ocasións en superioridade numérica, antes de que Mykytiuk recortara diferenzas con pouco máis de 2 minutos por disputarse. Seguiu de cinco en canto puido o Portus Apostoli, que quería máis. Pero o esquema non resultou e, de novo na igualdade, Mendive aproveitou unha segunda xogada para bater a Peixe a 42 segundos do final. Os intentos noieses nese tempo non alteraron o marcador.


Thierry vestiu de porteiro-xogador no tramo final | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Thierry vestiu de porteiro-xogador no tramo final | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Este resultado, que completa a 7ª xornada do Apertura da Liga Prime Futsal, deixa ao Portus Apostoli en 11ª praza con 7 puntos tras seis partidos disputados polos brancos.


Próximo partido


O equipo noiés recibirá ao Illes Balears Palma Futsal o sábado 7 de novembro ás 18:30h pola 8ª xornada do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal. Consegue xa a túa entrada en noiafs.compralaentrada.com/eventos.



Ficha técnica

Magna Xota FS: Asier Llamas (p) (c), Mendive, Campàs, Aimar e Ion Cerviño. Tamén xogaron Alan Rojas, Grillo, Vatamaniuc e Shunta Uchida.


Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Mykytiuk, Thierry, Altamirano (c) e Dani Colón. Tamén xogaron Macedo, Charly, Koeman, Juampi Cuello, Biel e Rubi.


Goles: 1-0 Mendive (1’), 2-0 Aimar (8’), 2-1 Altamirano (9’), 2-2 Dani Colón (10’), 3-2 Campàs (29’), 3-3 Mykytiuk (38’), 4-3 Mendive (40’).


Os árbitros Carlos Panadero Díaz-Concha e Héctor Mayo López, do comité madrileño, amoestaron con tarxeta amarela ao noiés Dani Colón (28’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 7 do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal, disputado no Pavillón Anaitasuna de Pamplona ante uns 1000 espectadores.

Comments


bottom of page