O Filial conseguiu a sexta vitoria consecutiva, a pesar de que na segunda parte se lle complicou coa reacción local.
O Noia Portus Apostoli FS “B” continúa de celebración en celebración... incluso atravesando situacións comprometidas, a primeira da temporada para un Filial ao que a piques estivo de custarlle algún punto unha segunda metade na que os locais apretaron o resultado.
Porque a primeira foi de total cor branca. Cos goles de Pau, Gandoy, Lukas e Hugo, os noieses impuxéronse á pechada defensa cullerdense e colleron a habitual directa cun 0-4 a favor no electrónico, ademais da expulsión dun dos xogadores do Sport Sala FS e o seu adestrador.
Un gol en transición daría ás aos locais na reanudación, que, por medio do porteiro-xogador, recurtarían as diferenzas a un só tanto con tres minutos por disputarse. Evitou maiores sustos Hugo, xa no 39’, facendo bo un roubo en primeira liña de presión para colocar o 3-5 definitivo e a sexta vitoria en seis partidos do líder da Tercera División Fútbol Sala.
A vindeira semana, na sétima xornada ligueira, o Noia Portus Apostoli FS “B” recibirá ao 5 Coruña FS no Agustín Mourís.
Ficha técnica
Sport Sala FS: Jaime Fernández (p), Stefano Taboada, Andrés González, Ignacio Villamarín e Álvaro Varela. Tamén xogaron Ignacio Canosa (p), Fernando Conchado, Óscar López, Daniel Martínez, Daniel Fernández e Manuel del Castillo.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Lukas, Dani Prieto e Gandoy. Tamén xogaron Pablo (p), Álex López, Pau (c), Brais, Hugo, Jorge e Mateo Varela.
Goles: 0-1 Pau (8’), 0-2 Gandoy (12’), 0-3 Lukas (19’), 0-4 Hugo (19’), 1-4 Óscar López (29’), 2-4 Álvaro Varela (36’), 3-4 Fernando Conchado (37’), 3-5 Hugo (39’).
Os colexiados Alejandro Godar Calvar e Marcos Vázquez Mayán amoestaron polos locais con cartón amarelo a Óscar López (27’) e Daniel Fernández (33’), ademais de ao adestrador Iago Socastro (12’ e 19’) e con cartón vermello a Ignacio Villamarín (11’). Polos visitantes, amarelas a Brais (11’), Lukas (19’), Gandoy (26’) e o adestrador David Palmas (25’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 6 da Tercera División Fútbol Sala, disputado no Pavillón Tarrío de Culleredo.
Comments