top of page

CRÓNICA X5 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA “B” 7-4 SIE) | Chegou a primeira na casa!


Luns, 14/10/2024 · 13:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Filial estrea a conta de vitorias no Mourís grazas a unha gran segunda parte na visita do La Isla de Siero FS.


Á terceira foi a vencida para o Noia Portus Apostoli FS “B”. Primeira vitoria da temporada na casa para os de Guille Murillo, que foron de menos a máis no partido para acabar superando por 7-4 ao La Isla de Siero FS.


16 segundos transcorreran cando Iago López, cun certeiro remate polo centro, anotaba o 1-0. O madrugador golpe noiés non tumbou ao La Isla de Siero FS, que soubo atopar o seu camiño no partido a través de ataques directos e o balón parado. Así xurdiría o tanto do empate asturiano, nun saque de banda finalizado por Enol no 14’.


Izan volveu a adiantar aos seus cun auténtico golazo en lanzamento de falta, pero o La Isla, que xa avisara con dúas perigosas chegadas con 1-1, volvería a igualar, tamén en acción de pelota quieta. Cando o partido semellaba irse ao descanso con empate, a sexta falta visitante levou aos noieses aos 10 metros. Parou o porteiro o remate de Izan, non o rexeite, ao que apareceu con oportunismo Canario.


Melloría e sentencia


O pivote empezou a segunda parte como acabou a primeira: marcando. O 4-2 deulle confianza ao Filial, que xogou máis solto. Unha das continuas aparicións noiesas na área rival provocou un penalti do xogador rival Kinos, que ademais viu a vermella directa tras deter coa súa man un disparo de Hugo. Completou o castigo Dani Prieto convertindo a pena máxima para o 5-2. Os asturianos volveron a deixar patente que non ían a baixar os brazos, e a continuación reinstalaron os dous goles de diferenza aproveitando un erro en saída de presión noiesa.


Pero o Portus Apostoli “B” non ía a dar opción á remontada e si á lóxica dunha segunda parte de clara cor branca. No 32’, Canario completaba o seu hat-trick a pase de Izan, e, xa na recta final, Gandoy axustizaba cun gran golpeo exterior para o sétimo. Nos últimos segundos e con xogo de cinco, o La Isla colocaría o 7-4 definitivo.


Próximo partido


A sexta xornada ligueira levará ao Noia Portus Apostoli “B” FS, 6º na táboa con 8 puntos, á pista do Piensos Durán Albense FS en Alba de Tormes.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Izan, Iago López, Koeman e Canario. Tamén xogaron Lucho (c), Teo, Gandoy, Jaime Pan, Álvaro, Dani Prieto, Hugo e Brais.


La Isla de Siero FS: Diego (p), Mateo (c), Enol, Saúl e Manel. Tamén xogaron Choky, Canga, Kinos, Fito e Cana.


Goles: 1-0 Iago López (1’), 1-1 Enol (14’), 2-1 Izan (17’), 2-2 Choky (19’), 3-2 Canario (20’), 4-2 Canario (21’), 5-2 Dani Prieto, de penalti (27’), 5-3 Manel (28’), 6-3 Canario (32’), 7-3 Gandoy (35’), 7-4 Fito (40’).


Os colexiados Olivier Cardero Rodríguez e Andrés Pinilla Boullosa amoestaron polos locais con cartón amarelo ao adestrador Guille Murillo (23’). Nos visitantes, ensinaron tarxeta vermella directa a Kinos (27’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 5 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page