
Domingo, 06/10/2024 · 16:20h | O Filial regresou de As Pontes cun empate despois dun disputado encontro, no que o rival igualou ata tres veces.
O Noia Portus Apostoli FS “B” sumou un punto máis ao seu casilleiro tras o 4-4 co que finalizou un encontro axustado e de alternativas no Municipal A Fraga do O Esteo FS.
En dúas ocasións se avanzou na primeira metade o Filial noiés, con sendos tantos de Gandoy no 3’ e no 14’. En ambas a alegría durou pouco, cos locais logrando igualar de inmediato, por medio de Lukas e Álex Naveira, deixando claro que sería un choque disputado ata o último momento.
Final con polémica
O conxunto noiés conseguiu volver a poñerse por diante ao saír de vestiarios, coa diana de Canario, e, a pesar de non estar realizando o seu mellor partido, tivo opcións para ampliar diferenzas, algo que evitou o meta rival, Xeito. Os ponteses non deixaron pasar a oportunidade e empataron novamente, pero, esta vez, a tan só 6 minutos do final, poñendo as espadas por todo o alto para o tramo decisivo.
No 37’, co Portus Apostoli “B” atacando con porteiro-xogador, chegou a xogada da discordia. Os colexiados expulsaron por segunda amarela a Jaime Pan, froito dunha falta que, en verdade, cometera Jorge. As protestas acarrearon outra dobre amarela, ao capitán Lucho. Esa acción, ademais, supuxo un tiro de dez metros para O Esteo FS, que non desaproveitarían para avanzarse no electrónico por primeira vez.
Pero, casualidades do deporte, os locais probaron da súa propia medicina, ao ver como os brancos colocaban o 4-4 na acción posterior. Izan foi o encargado de converter o empate final, co Filial arriscando co porteiro-xogador, estratexia que estivo a un pouco máis de acerto de darlles maior premio na súa visita a A Fraga.
Próximo partido
Os de Guille Murillo, 9º na táboa con 5 puntos, recibirán a vindeira fin de semana ao La Isla de Siero FS no Agustín Mourís.
Ficha técnica
O Esteo FS: Xeito (p), Cokito, Álex Naveira, Lukas e Troncho (c). Tamén xogaron Asier, Juan, Costi, Matos, Sergio e Jandro.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Izan, Teo, Jaime Pan e Canario. Tamén xogaron Lucho (c), Fer, Gandoy, Álvaro, Brais, Hugo, Iago López e Jorge.
Goles: 0-1 Gandoy (3’), 1-1 Lukas (3’), 1-2 Gandoy (14’), 2-2 Álex Naveira (14’), 2-3 Canario (21’), 3-3 Lukas (34’), 4-3 Lukas (37’), 4-4 Izan (37’).
Os colexiados Pablo Enrique Guntín Garrido e Jorge Otero Mira amoestaron polos locais con amarela a Lukas (16’), Álex Naveira (19’), Asier (33’) e Jandro (37’). Nos noieses, amarelas a Izan (9’), Gandoy (12’), Jaime Pan (30’ e 37’), Lucho (31’ e 37’), Pablo (37’), Jorge (37’) e o adestrador Guille Murillo (37’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 4 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Pavillón Municipal A Fraga de As Pontes.
コメント