Luns, 30/09/2024 · 14:40h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Filial encaixou a súa primeira derrota do curso, aínda que quizais mereceu máis ante un dos máximos favoritos ao título do grupo.
Iniciativa, numerosas aproximacións, competitividade ao máximo... pero ao Filial faltoulle o máis importante deste xogo: que o balón entre na portería. A principal razón pola que chegou a primeira derrota da temporada, a mans dun Stellae Leis Pontevedra FS que conseguiu os tres puntos demostrando a súa condición e oficio.
Os noieses apretaron desde o inicio co control do coiro e varias chegadas. Canario contou coa ocasión máis clara do tramo inicial, que se perdeu por poucos centímetros lonxe da portería. Co paso dos minutos, o encontro equilibrouse, e o Stellae Leis conseguiu aproveitar un erro en defensa dos locais para abrir o marcador por medio de Said. O tanto deixou grogui durante uns minutos aos brancos, que se suxeitaron en dúas boas intervencións de Iván.
Tamén foi protagonista o outro gardameta, Dani, que salvou aos seus con varias paradas de mérito. Nada puido facer, iso si, no tanto do empate de Izan desde o punto de dez metros, tras a sexta falta visitante. Semellaba que o resultado ao descanso marcaría un 1-1, pero a 26 segundos do final do primeiro acto, Mario Paz serviu en bandexa o segundo gol a Said.
Moitas ocasións, cero goles
A segunda parte xa si tivo unha clara cor branca. Os de Guille Murillo empuxaron insistentemente sobre o marco rival, onde se topaban coa resistencia visitante, capitaneada por un espectacular Dani entre paus. Tamén correron riscos en varias transicións que o Stellae Leis non soubo converter, en gran parte polo acerto de Iván.
A catro minutos do final, entrou Jaime Pan coa camiseta de porteiro-xogador. Aí terminou por deixar a súa sinatura o meta contrario, pechando cunha man salvadora ao tiro de Hugo a dous segundos do final unha actuación que vale un suado triunfo para os pontevedreses e unha frustrante primeira derrota noiesa, os que, aínda así, ben poden estar orgullosos do seu despregue.
Próximo partido
Os de Guille Murillo, 8º na táboa con 4 puntos, visitarán As Pontes a vindeira fin de semana para enfrontarse ao O Esteo FS na cuarta xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Izan, Teo, Jaime Pan e Canario. Tamén xogaron Lucho (c), Fer, Gandoy, Álvaro, Hugo, Iago López e Jorge.
Stellae Leis Pontevedra FS: Dani (p), Nico (c), Mario Paz, Joni Costas e Izan. Tamén xogaron Yeray, We Casas, Said, Semedo e Silva.
Goles: 0-1 Said (11’), 1-1 Izan, de tiro de dez metros (17’), 1-2 Said (20’).
Os colexiados Óscar Luis Gulín Piñeiro e Daniel López López amoestaron polos noieses con tarxeta amarela a Jorge (4’), Hugo (30’) e Canario (36’). Nos visitantes, amarelas a Said (14’), Joni Costas (15’), Yeray (17’), We Casas (24’) e Nico (26’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 3 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
コメント