top of page

CRÓNICA X3 TERCEIRA (NPA B 9–1 CAR) | Suma e segue

O Filial goleou ao Carballiño FS no Agustín Mourís e preserva a súa condición de líder da categoría con autoridade.

Álex López, Hugo e Iván celebran un dos tantos do encontro (foto: Manuel Lorenzo)

De tres en tres continúa viaxando o Noia Portus Apostoli FS “B” nesta Tercera División Fútbol Sala 23/24, logo de superar ao Carballiño FS no Agustín Mourís por un resultado de 9-1, que os mantén no máis alto da táboa clasificatoria.


Agardábase un partido intenso, e así foi desde o comezo, con contacto e ritmo. O que non entraba nos plans dos noieses, que chegaban a este duelo como líderes con dous triunfos de dous xogados, era que se adiantara o Carballiño FS, grazas a un balón solto na área no minuto 3. Aí, o Filial amosou calma e soubo darlle a volta rapidamente, cos tantos de Hugo, Gandoy e Pau que, xunto á parada de Iván ao lanzamento de dez metros rival, levaron o marcador de 3-1 ao descanso.

Dúas fermosas accións conduciron a outros dous goles, obra de Jorge e, novamente, Hugo. Co 5-1 iluminando no 26’ de xogo, o Carballiño FS apostou polo porteiro-xogador para tentar volver a meterse no encontro. Os azuis apenas crearon perigo ca manobra, e o Filial incluso aumentou vantaxe cos goles de Pau, previa recuperación na presión de Dani Prieto; Álex López, de pista a pista; e dous máis de Gandoy para completar o seu hat-trick.

O Filial noiés seguirá líder da Tercera División Fútbol Sala por segunda semana seguida, compartindo os 9 puntos de botín co Distrito Ventorrillo FS, pero con mellor diferenza de goles. A vindeira semana, os brancos visitarán ao Cidade de As Burgas FS.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Jorge, Pau (c) e Dani Prieto. Tamén xogaron Lukas, Álex López, Gandoy, Brais e Hugo.

Carballiño FS: Eric Fernández (p), Hugo Bernárdez, Óscar Alcantarilla, Edgar Bernárdez (c) e Antonio Prado. Tamén xogaron Miguel Barreiro (p), Álvaro Villanueva, David González, Mathias, Noel Vázquez, Santiago Durán e Xacobo Barreiro.

Goles: 0-1 Óscar Alcantarilla (3‘), 1-1 Hugo (7’), 2-1 Gandoy (11’), 3-1 Pau (16’), 4-1 Jorge (23’), 5-1 Hugo (26’), 6-1 Pau (34’), 7-1 Álex López (37’), 8-1 Gandoy (38’), 9-1 Gandoy (39’).

Os colexiados Adrián Buján Barciela e Gabriel Chousal Prieto amoestaron con cartón amarelo polos locais a Dani Prieto (16’) e Pau (24’) e polos visitantes a Mathias (9’), Hugo Bernárdez (18’), Edgar Bernárdez (20’ e 30’), Óscar Alcantarilla (31’) e David González (34’).

Incidencias: partido correspondente á xornada 3 da Tercera División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page