CRÓNICA X30 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA “B” 2-3 VIL) | Derrota in extremis e oitavos na táboa final
- Departamento prensa Noia PA FS
- 5 days ago
- 3 min read

Domingo, 04/05/2025 · 15:30h | Un tanto visitante a menos de 30 segundos deixou sen puntuar aos filialistas na última cita da temporada.
O Noia Portus Apostoli FS “B” despediu o curso este sábado, cun partido no que se lle escapou a opción de sumar nos últimos segundos ante o terceiro clasificado. Os de Guille Murillo terminan así a súa temporada de debut na Segunda División “B” FS en 8ª posición con 48 puntos.
Aínda que sen máis alternativas clasificatorias que as de subir á sétima praza, os noieses querían decir adeus a unha histórica campaña cun bo sabor de boca. Demostrárono sobre a pista, despregando un xogo atrevido ao que só lle faltaba o gol. Chegou no 16’, froito dunha gran acción en incorporación do porteiro Iván ao ataque finalizada polo capitán Lucho.
Porén, as faltas acumulativas e a presenza diante de todo un mago como Adri liderando ao Grupo FORMA-T Vilalba FS, que chegaba ao Mourís con posibilidades de proclamarse campión de grupo, meteron en apuros aos brancos. O internacional español deixou en bandexa o empate a Kevin Chis e, xa no último minuto do primeiro acto, convertiu un tiro de dez metros para poñer aos seus con vantaxe no camiño a vestiarios.
As faltas, outra vez protagonistas
Teo e Canario puideron devolver a igualada, con sendos disparos que impactaron no palo. Sería Koeman o encargado de colocar o 2-2, de moi bela factura, no 27’ e dar un merecido premio ao bo facer noiés.
O problema na segunda metade volveu a ser o mesmo que na primeira: as faltas. Nesta ocasión non se traduciron en gol, xa que Iván detivo dous dez metros a Adri, pero si en pérdida de efectivos, coas expulsións por dobre amarela de Canario, ao aprezar que se adiantara no primeiro lanzamento, e de Brais por protestar desde o banco, nun sentir que compartían todo o equipo e pavillón.
Tras todas as dificultades, superando incluso a defensa en inferioridade numérica, o Portus Apostoli “B” valoraba sobremaneira un punto que se escurriu cun gol rival nos segundos finais por segunda xornada seguida. De novo o talento xeracional de Adri decantou a balanza, dando inicio a unha acción que terminou culminando Isma cunha volea á rede para o 2-3 definitivo.
A baixada de tea non se produciu como quererían os noieses, pero lonxe está de empañar unha temporada 2024/2025 histórica. A do debut na Segunda División “B” FS, onde os rapaces demostraron que están máis que capacitados para competir e demostrar grandes cousas. Agora xa só queda dar comezo á conta atrás para o segundo capítulo na 2025/2026.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho (c), Koeman, Teo e Canario. Tamén xogaron Jaime Pan, Brais, Iago López, Hugo e Dani Prieto.
Grupo FORMA-T Vilalba FS: César (p), Isma (c), Adri, Dani e Kevin Chis. Tamén xogaron Antón, Diego, Dieguito, Simo, Dani Quintela e Javi.
Goles: 1-0 Lucho (16’), 1-1 Kevin Chis (18’), 1-2 Adri (19’), 2-2 Koeman (27’), 2-3 Isma (40’).
Os árbitros Pablo Coello Martínez e Iria de Luis Iglesia amoestaron con tarxeta amarela nos noieses ao adestrador Guille Murillo (18’), Lucho (19’), Dani Prieto (30’), Iván (36’), Jorge (37’), Canario (37’ e 37’) e Brais (38’ e 38’). Nos vilalbeses, amarela a Antón (38’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 30 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments