top of page

CRÓNICA X30 TERCEIRA (VEN 3–1 NPA “B”) | O campión despídese con derrota

O Filial, con varias caras do equipo Xuvenil, caeu no seu último partido antes de afrontar a aventura da Segunda “B”, contra un Distrito Ventorrillo FS que se xogaba a segunda praza.


O Noia Portus Apostoli FS “B” deixa atrás a Terceira División FS cunha derrota por 3-1 no Pavillón Ventorrillo, lugar ao que acudiu cun plantel con moitos cambios por motivo de baixas por lesión e as convocatorias de Hugo e Lucho co primeiro equipo.


Custoulle arrancar no encontro aos de Daniel Ventoso, que no primeiro acto apenas gozaron de ocasións a favor e viron como o Distrito Ventorrillo FS, necesitado de sumar ante a ameaza do Ribeira FS polo segundo posto, se colocaba cun 2-0 no camiño a vestiarios.


Tras o descanso, os noieses melloraron e mereceron o gol. Non chegou ata os últimos minutos, por medio de Álvaro Fernández, un dos 6 xogadores do equipo Xuvenil en participar no partido, xunto a Oliver Chenel, Sito, Mateo Varela, Mateo Vázquez e César Calatayud. Os locais romperían a esperanza branca de lograr un empate in extremis, co 3-1 nos últimos segundos para deixar os tres puntos en Ventorrillo.


E así remata o curso para o Noia Portus Apostoli FS “B”, dominador campión da Terceira División FS 2023/2024. 76 puntos (14 de vantaxe sobre o segundo), 25 vitorias, máximo goleador con 173 tantos a favor e o menos goleado con 72 dianas encaixadas. O historial dun equipo brillante, que nuns poucos meses se enfrontará ao desafiante reto da Segunda División “B”.


 

Ficha técnica

Distrito Ventorrillo FS: Óscar Lago (p), Álvaro Arbaiza, Kevin Blanco, Martín Otero e Adrián Matos (c). Tamén xogaron Alejandro Prego (p), Diego Sánchez, Noe Martins, Álvaro Alvite, Alessandro Taboada e Javier López.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Théo (p), Álvaro Fernández, Jorge (c), Brais e Oliver Chenel. Tamén xogaron Iván (p), Sito, Mateo Varela, Mateo Vázquez, César Calatayud, Gandoy e Álex López.


Goles: 1-0 Adrián Matos (10’), 2-0 Diego Sánchez (18’), 2-1 Álvaro Fernández (39’), 3-1 Adrián Matos (40’).


Os árbitros Adrián García López e Carlos Jesús González Pardal amoestaron con cartón amarelo polos locais a Adrián Matos (27’). E polos noieses, amarela a Gandoy (25’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 30 e derradeira da Terceira División FS 2023/2024, disputado no Pavillón Ventorrillo de A Coruña. O Distrito Ventorrillo FS realizou un respectuoso corredor de honra aos noieses polo seu recente título de campións de Liga.

bottom of page