top of page

CRÓNICA X30 FILIAL (NPA B 5-5 VIG) | Táboas para pechar a temporada

Noieses e vigueses igualaron a cinco tantos nun último partido da temporada cheo de goles e alternativas para ambos conxuntos.

O Noia Portus Apostoli B despediu a temporada empatando 5-5 na visita do ED Vigo 2015 FS ao Agustín Mourís, sumando nun partido de alternancias no marcador un último punto para pechar o curso 22/23.


Pintaba moi ben a cousa para os noieses no comezo, cun 3-0 a favor en apenas 11 minutos, grazas aos goles de Brais por partida dobre e Jorge. Porén, o Vigo 2015 aproveitouse da curta rotación dos brancos para atopar a súa reacción, e no minuto 21 o electrónico xa estaba de novo nivelado. Aínda sería peor, cos laranxas facendo dano tras recuperación de balón para o 3-4 no 30’.


O gol de Sito no seguinte minuto calmou as augas e puxo un 4-4 co que se chegaría ao tramo final. Por segunda vez no choque, o Vigo 2015 adiantouse co gol de Cifu no 37’. Aí, Palmas apostou polo xogo de cinco, que deu resultado para o empate de Dani no 39’ e ben puido conducir ao triunfo.


Faltou acerto de cara a portería, como en moitos dos anteriores partidos da temporada que tocou ao seu fin este xoves para os noieses, oitavos finalmente na táboa clasificatoria con 39 puntos, 11 partidos gañados, 6 empatados e 13 perdidos. A próxima será a cuarta campaña consecutiva do filial branco na Terceira División, pero iso xa é outra historia a comezar a contar dentro duns meses.


 

Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Marcos (p), Lucho, Brais, Pau (c) e Dani. Tamén xogaron Sito, Luis, Jorge e Romero.


ED Vigo 2015 FS: César (p), Garrido (c), Samu, Viny e Javi López. Tamén xogaron Alberto (p), Conde, Cifu e Chino.


Goles: 1-0 Brais (1’), 2-0 Jorge (2’), 3-0 Brais (11’), 3-1 Cifu (12’), 3-2 Garrido de penalti (16’), 3-3 Garrido (21’), 3-4 Samu (30’), 4-4 Sito (31’), 4-5 Cifu (37’), 5-5 Dani (39’).


Os colexiados Martín Díaz Marey e Tania María Penabad Canel amoestaron con cartón amarelo polos locais a Marcos (6’), Lucho (35’) e Jorge (39’), mentres que nos visitantes amosáronlla a Javi López (unha vez rematado o encontro).


Incidencias: partido correspondente á xornada 30 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page