Sábado, 21/09/2024 · 21:30h | O Filial bordea a perfección para lograr un triunfo histórico e amplísimo nunha das pistas máis complicadas da categoría.
Palabras como espectacular, impresionante ou incrible quedan curtas para definir o que fixo o Noia Portus Apostoli FS “B” en Guardo. Os de Guille Murillo pasaron por riba do seu rival de cabo a rabo, asinando un resultado final de 2-11, que incluso puido ser de maior diferenza, e supón unha histórica primeira vitoria na categoría.
Todo o contrario a frío comezou o partido o Filial na “Bombonevera”. O balón e as ocasións pertencían aos noieses, que impuxeron a súa lei desde o principio. Para o primeiro gol houbo que agardar ao minuto 8, obra do xuvenil Koeman, finalizando unha acción de estratexia de falta. Pouco despois, outro xuvenil como é Álvaro logrou o 0-2 aproveitando un balón solto.
O encontro rompeu de todo no tramo final do primeiro acto. O Deporcyl Guardo FS non soubo aproveitar dúas perigosas aproximacións, e o Filial castigouno sumando tres goles máis, por parte de Iago López, Jorge e Izan, este último facendo boa a superioridade numérica pola expulsión de Eric nos locais.
Sen freo no segundo tempo
O paso por vestiarios podía revitalizar aos palentinos, que estrearon o seu casilleiro no 23’ co tanto de Hugo en acción de porteiro-xogador, mecanismo que xa probaran no primeiro tempo. Porén, o Portus Apostoli “B” non deu máis lugar ás esperanzas, e antes do 30’ xa sumara outras tres dianas, de Canario, por partida dobre, e Izan, que engordaban o electrónico a un sorprendente 1-8 para propios e estraños.
Aos noieses aínda lles quedaba pólvora nos últimos dez minutos. Hugo e Teo anotaron o noveno e o décimo, respectivamente, ambos penalizando o xogo de cinco local. Juanlu fixo un golazo desde a súa media pista no 36’ para dar una mínima alegría aos seus, antes de que Izan, co seu hat-trick particular, pechara o partido co definitivo 2-11 a poucos segundos do final.
Primeira vitoria do curso e, por tanto, na Segunda División “B” FS... e que vitoria. Xunto ao empate da pasada semana, catro puntos de seis posibles. A aventura non fixo máis que comezar, pero con este partido, practicamente perfecto na pista e sensacional no marcador, o Filial deixa boa prueba de que xa está aquí.
Próximo partido
Os filialistas recibirán a seguinte semana ao Stellae Leis Pontevedra FS no Municipal Agustín Mourís.
Ficha técnica
Deporcyl Guardo FS: Pol (p), Davicín (c), Felipe Otto, Juanlu e Eric. Tamén xogaron Edu (p), Leo, Aarón, Chochy, Hugo e Luis.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho (c), Fer, Koeman e Álvaro. Tamén xogaron Koke (p), Teo, Gandoy, Jaime Pan, Álvaro, Hugo, Iago López, Izan e Jorge.
Goles: 0-1 Koeman (8’), 0-2 Álvaro (9’), 0-3 Iago López (16’), 0-4 Jorge (18’), 0-5 Izan (19’), 1-5 Hugo (23’), 1-6 Canario (25’), 1-7 Izan (27’), 1-8 Canario (29’), 1-9 Hugo (35’), 1-10 Teo (36’), 2-10 Juanlu (36’), 2-11 Izan (40’).
Os colexiados Juan Haedo Gago e Jorge Petite Fernández amoestaron con cartón amarelo nos palentinos a Eric (18’ e 19’), Chochy (22’), Davicín (28’), Hugo (31’) e ao adestrador Nacho Garrido (26’), e nos noieses amarela a Koke (26’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 2 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Pavillón Municipal de Guardo.
Comments