Dous triunfos en dous partidos para o Portus Apostoli “B”, que volveu a amosar solidez e pegada en Vigo.
O Noia Portus Apostoli FS “B” deu continuidade ao seu gran inicio de campaña 23/24 logrando un novo e contundente triunfo, esta vez na súa primeira saída, diante do ED Vigo 2015 FS, por un marcador final de 4-8.
Tiveron que repoñerse os de David Palmas ao 1-0 que conseguiu o Vigo 2015 por medio de Javi López no 2’ de xogo, e fixérono pronto. No 6’ xa imperaba o 1-3, grazas ao dobrete de Hugo e o tanto de Gandoy, en accións de recuperación en primeira liña. Jorge aumentou a renda no minuto 14, despois de esgotarse a superioridade numérica pola expulsión do local Conde, e Dani Prieto colocou o 1-5 bordeando o descanso. Amagou coa reacción o Vigo 2015 á saída de vestiarios, reducindo diferenzas incluso, pero o tanto en acción de estratexia de Brais freou o ímpeto local. Unha nova expulsión nos laranxas, neste caso de Viny, abriu a porta a outra superioridade numérica e ao 2-7, convertido por Diego Alonso en propia meta. Precisamente Alonso faría o 3-7 e Javi López o 4-7 en sendas accións con porteiro-xogador dos vigueses no 38’, pero o gol de Gandoy, a asistencia de Lukas, pechou definitivamente o encontro e a vitoria dos noieses, ao que hai que engadir a nota da participación do xuvenil Álvaro.
A vindeira semana, visitará a pista do líder provisional, porque con esa condición durmiu o Noia Portus Apostoli FS “B”, o Carballiño FS, na terceira xornada do campionato ligueiro de Tercera División Fútbol Sala.
Ficha técnica
ED Vigo 2015 FS: Alberto (p), Diego Alonso, Garrido (c), Samu e Conde. Tamén xogaron Joel (p), Cifu, Viny, Carlos Heras, Juan Manuel Otero, Javi López e Prado.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Pablo (p) (c), Lucho, Jorge, Brais e Dani Prieto. Tamén xogaron Théo (p), Lukas, Álex López, Gandoy, Hugo e Álvaro.
Goles: 1-0 Javi López (2’), 1-1 Hugo (5’), 1-2 Gandoy (6’), 1-3 Hugo (6’), 1-4 Jorge (14’), 1-5 Dani Prieto (18’), 2-5 Diego Alonso (26’), 2-6 Brais (29’), 2-7 Diego Alonso en propia meta (37’), 3-7 Diego Alonso (38’), 4-7 Javi López (39’), 4-8 Gandoy (39’).
Os colexiados Héctor Pérez Álvarez e Nicolás Villegas Sordo amoestaron con cartón amarelo polos locais Conde (10’ e 15’), Cifu (19’), David Portugués (27’), Javi López (34’) e Viny (34’ e 35’) e aos visitantes Jorge (15’) e Pablo (29’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 2 da Tercera División Fútbol Sala, disputado no Pavillón Universitario CUVI de Vigo.
Comments