top of page

CRÓNICA X29 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (INT 4–4 NPA “B”) | Escápanse dous puntos

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 6 days ago
  • 2 min read

Domingo, 27/04/2025 · 14:10h | Os filialistas encaixaron cun menos a 7 segundos do final o tanto do empate definitivo que lles impedirá loitar pola sexta posición na última xornada.


O Filial noiés quedou coa mel nos beizos en Zamora. A súa gran actuación nun partido por momentos tolo traduciuse en tan só un punto de botín, tras un gol dos locais a 7 segundos para finalizar o encontro que afasta aos de Guille Murillo de poder pugnar pola sexta posición a vindeira semana.


O contexto inicial de envite igualado rompérono dous desaxustes defensivos brancos, aproveitados á perfección polo CD Intersala Zamora en transición para colocarse 2-0. Coas incorporacións de Iván, o Filial tomou a iniciativa, e tras varios intentos lograron recortar distancias por medio de Canario. A pesar do bo momento dos noieses, os zamoranos reinstauraron os dous tantos de diferenza antes do descanso.


Remontada e cruel final


A segunda metade continuou tendo clara cor branca, por medio das subidas ao ataque do seu gardameta e da entrada do porteiro-xogador. Aínda que o necesario gol fíxose agardar ata o 35’, cando Dani Prieto transformaba un balón solto no 3-2. Dous minutos despois, Iago López colocou as táboas ao culminar unha acción de estratexia, deixando todo por decidir para un final emocionante.


A remontada completouse no 38’, por medio de Canario desde o punto de dez metros. Porén, a alegría non era total, porque os filialistas quedaron antes do lanzamento cun menos pola expulsión de Izan, ao queixarse de que un rival collera o balón cando xa estaba colocado para o disparo.


Aínda en inferioridade numérica, o Portus Apostoli “B” soubo sufrir e contou con outra oportunidade de ouro desde os dez metros. Esta vez errou Canario, e a 7 segundos do final o CD Intersala Zamora arrancou dous puntos das mans noiesas convertindo o definitivo 4-4. Un desenlace cruel para os filialistas, que aspirarán na última xornada a manter o sétimo posto que agora ocupan con 48 unidades.


Próximo partido


O equipo de Guille Murillo concluirá o campionato ligueiro a vindeira fin de semana, en horario por determinar, recibindo ao Grupo FORMA-T Vilalba FS.



Ficha técnica

CD Intersala Zamora Euronics – Caja Rural: Rubi (p), Ballano, Pablo Páramo, Jorge Velasco (c) e Magi. Tamén xogaron Pablo García (p), Morales, Pibeta, Ortuño, Daniel Ratero, Jorge Pino e Carlos Izquierdo.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Izan, Koeman, Teo e Canario. Tamén xogaron Iván (p), Lucho (c), Brais, Dani Prieto, Iago López e Hugo.


Goles: 1-0 Ortuño (6’), 2-0 Pablo Páramo (8’), 2-1 Canario (16’), 3-1 Ortuño (19’), 3-2 Dani Prieto (35’), 3-3 Iago López (37’), 3-4 Canario (39’), 4-4 Pablo Páramo (40’).


Os árbitros David Llorente el Hataf y Víctor Rodríguez Faraco, do comité castelán-leonés, amoestaron con tarxeta amarela nos zamoranos ao adestrador Chema Sánchez (8’), Pablo Páramo (19’), Jorge Velasco (22’) e Magi (39’). Nos noieses, amarelas a Iván (19’), Hugo (25’), Iago López (37’), Dani Prieto (37’), Canario (37’) e Brais (38’). Viu a vermella directa Izan (38’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 29 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Manuel Camba de Zamora.

Comentarios


bottom of page