CRÓNICA X29 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 3–3 WAN) | Doloroso empate… pero a última palabra aínda non está dita
- Departamento prensa Noia PA FS
- May 11
- 3 min read

Sábado, 10/05/2025 · 23:30h · Imaxe: Álex Lorenzo | O Noia, que perdoou e perdoou, viu o abismo de preto co gol de Nando Torres a 40 segundos do final, pero chegará con opcións de salvación á última xornada.
Incredulidade, impotencia, rabia. Pero tamén esperanza. Porque, a pesar de que unha vitoria fundamental se escapara a 40 segundos do final, o Noia Portus Apostoli FS chegará á última xornada a 1 punto da salvación e, por tanto, con opcións de permanecer na Primeira División FS.
Ambiente de gala nun Mourís que baixaba a tea á temporada. Os noieses tiñan a urxencia de lograr o quinto triunfo seguido na casa para poñer en apretos a un CD Burela FS situado dous puntos por enriba e que xogaba unha hora e media máis tarde. Nesas, Pirata achandou o camiño cedo, empuxando á rede no 3’ unha rápida acción iniciada por Peixe, atrevido na salida de portería.
A obsesión dos brancos, unha vez aberta a lata, era anotar ese segundo gol que disminuíra a tensión provocada por unha cita de tal importancia. En situación totalmente contraria estaba o rival, un Wanapix AD Sala 10 Zaragoza descendido desde hai tres datas, pero non entregado. Os maños resistiron intentonas perigosas como a de Power Raggiati e, no 10’, castigaron ás costas para empatar por medio de Nando Torres.
Aínda que ás veces con máis presa da necesaria, o Portus Apostoli acometía continuamente sobre o marco de Dani Álvarez. Unha volea de Rufino despexada sobre a liña, un tiro de Altamirano que se perdía por milímetros e máis ocasións claras que non se concretaban. Ata que, no 16’, apareceu Montero no segundo pau para finalizar con éxito unha veloz xogada branca. Mellor momento imposible para anotar o seu primeiro tanto en Liga.
Sen puntería: a tónica do curso
Se ao descanso o Noia puido irse cunha vantaxe maior, o reinicio ofrecía o mesmo escenario. Foron dez minutos estrelándose ante a portería contraria, con chegadas de todas as cores, que coñeceron máis castigo cando Nando Torres gañaba a partida a Power e batía por baixo a Peixe no 31’.
De novo, facía falta un gol. A busca era cada veiz máis exhaustiva, da mesma maneira que, segundo a segundo, o non verse por diante no marcador supoñía unha losa mental que incluso puido costar algún susto máis dos zaragozanos. De arrancala totalmente encargouse David Pazos no 34’, recollendo un balón que viña mareado dunha carambola de difícil explicación para axustizar coa súa perna dereita a Dani Álvarez e desatar a alegría do Mourís.
Incapaces de aumentar a diferenza, tocaba sufrir nos últimos minutos coa entrada do porteiro-xogador en Wanapix. Tiña preto o equipo de David Palmas uns tres puntos moi importantes, pero os zaragozanos lograron enlazar unha boa sucesión de pases e Nando Torres embocou a gol para o seu hat-trick a 40 segundos do final. Tivo Rubi dúas oportunidades finais, cos noieses de cinco e tirando máis de corazón que de cabeza, aínda que, para variar esta temporada, o balón non quixo entrar.
Un empate que sabía a derrota. A que todo se acabara. Pero a remontada de ElPozo Murcia Costa Cálida FS en Burela mantén vivo a un Noia que, curiosamente, acaba a fin de semana recortando 1 punto á salvación. E, agora, corenta minutos máis para seguir loitando, para seguir crendo. Ata o final.
Próximo partido
O Noia Portus Apostoli FS pechará o curso en Torrejón de Ardoz o sábado 24 de maio ás 20:00h na pista de Movistar Inter FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Schütt (p), Power Raggiati, Montero, Rufino, Álex García, Douglas e Thierry.
Wanapix AD Sala 10 Zaragoza: Dani Álvarez (p), Rivera, Richi Felipe (c), Brasesco e Nando Torres. Tamén xogaron Villanueva, Espín, Alberto Inés, Nacho Gómez, Carlos García e Adri Ortego.
Goles: 1-0 Pirata (3’), 1-1 Nando Torres (10’), 2-1 Montero (16’), 2-2 Nando Torres (31’), 3-2 David Pazos (34’), 3-3 Nando Torres (40’).
Os árbitros Jairo Leiva Martínez e David Pizarro Megías, del comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a David Pazos (31’). Nos maños, amarelas a Nando Torres (5’) e Rivera (35’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 29 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 800 espectadores.
Comments