CRÓNICA X28 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA 0–6 SAL) | Derrota ante o FS Salamanca
- Departamento prensa Noia PA FS
- Apr 13
- 3 min read
Updated: 6 days ago

Domingo, 13/04/2025 · 18:25h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os filialistas caeron na casa a mans dun sólido conxunto salmantino e perden toda opción de ser quintos.
Ampla derrota do Portus Apostoli “B” na visita ao Mourís dun serio FS Salamanca Dehesa Grande que soubo penalizar os erros dos noieses, conter as súas ocasións e sentenzar na segunda metade. Un resultado que priva definitivamente ao Filial de poder loitar pola quinta praza.
Os salmantinos puxéronse cedo en vantaxe, froito do gol de Cristian Bernal en acción de saque de esquina ao 2’ de xogo. Co 0-1, o partido transcorreu con equilibrio de forzas e alternativas en cada portería. Por parte dos noieses, dispuxeron Hugo, Canario e Teo de achegamentos perigosos, negados polo meta rival. Aínda que a máis clara xurdiu desde o punto de dez metros, onde Koeman marrou o tiro tras a sexta falta visitante.
Os brancos non foron contundentes cando puideron e aproveitouno o FS Salamanca, demostrando por que segue mantendo posibilidades de meterse en PlayOff. En dúas rápidas transicións a perdas locais puxeron máis terra de por medio e inflixiron un dano especial, ao pasar ao 0-3 no tramo final do primeiro tempo.
Intención sen premio
As ganas filialistas de buscar a remontada no reinicio frustráronse cun duro golpe, en forma do gran gol de Sergio Hernández. O helmántico sorprendeu a propios e estraños cun certeiro disparo desde a súa media pista que acabou no fondo da rede para o 0-4 aos 3 minutos de regresar a acción.
Sen máis tempo que perder, Guille Murillo deu entrada a Jaime Pan coa camiseta de porteiro-xogador. O ímpetu e a vontade estaban, pero sempre se interpuxo algo nesas intentonas de cinco, xa fora a falta de puntería ou a sólida defensa contraria, capitaneada polo seu porteiro Pablo, que evitaron a complexa reacción. De feito, os salmantinos aínda abriron máis fenda, co 0-5 no 32’ e o definitivo 0-6, xa nos últimos segundos do envite.
Esta derrota, unida aos marcadores do resto da xornada, non só impiden que o Portus Apostoli “B” poida loitar pola quinta praza nas dúas datas que restan, senon que tamén o relegan á sétima con 47 puntos, 2 menos que o 6º, Adamo Xove FS, e 1 más que o 8º, CD Intersala Zamora, próximo opoñente dos brancos.
Próximo partido
O Filial visitará ao CD Intersala Zamora – Euronics Caja Rural dentro de dúas semanas, en data e hora por determinar, pola 29ª e penúltima xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Raúl Mosquera (p), Lucho (c), Koeman, Teo e Canario. Tamén xogaron Iván (p), Jaime Pan, Hugo, Koeman, Brais, Iago López e Dani Prieto.
FS Salamanca Dehesa Grande: Pablo (p), Martín, Berti (p), Cristian Bernal e Sergio Hernández. Tamén xogaron Dani Martín, Jorge, Dani Chino, Barbón e Zaballos.
Goles: 0-1 Cristian Bernal (2’), 0-2 Cristian Bernal (18’), 0-3 Dani Martín (20’), 0-4 Sergio Hernández (23’), 0-5 Berti (32’), 0-6 Sergio Hernández (40’).
Os árbitros Lidia Crespo Pardo e Andrés Pinilla Boullosa amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Dani Prieto (38’). Nos salmantinos, amarela a Jorge (14’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 28 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Коментарі