top of page

CRÓNICA X28 TERCEIRA (GUI 3–6 NPA “B”) | Xuventude ao poder

O Filial, con parte da convocatoria formada por xogadores do Xuvenil, deulle a volta a un marcador inicial adverso en Guitiriz para levarse o triunfo.

24ª vitoria en 28 partidos do Filial

O campión de Terceira División FS segue con fame e gañando. Así o demostrou en Guitiriz, onde, cunha lista de xogadores na que formaban varios nomes do equipo Xuvenil, tivo a calma para remontar ante o cadro local e levarse o encontro por un 3-6.


Catro efectivos do Xuvenil, para ser exactos, foron os chamados a filas por Daniel Ventoso: Álvaro Fernández e Mateo Vázquez, que xa contaran con certa presenza na temporada, xunto a Oliver Chenel e Xavi Souto, que realizaron o seu debut. Xa sexa polas novidades, a emoción do respectuoso corredor de honra realizado polos guitiricenses ou debido ao que estes se xogaban, ao Filial custoulle ser profundo e daniño na primeira metade. Aínda así, o resultado ao descanso foi de 1-1, grazas ao gol de Gandoy nos últimos segundos que igualou o inicial dos locais.


Dúas desafortunadas accións provocaron que, en apenas 5 minutos do reinicio, O Korreo Guitiriz FS tomara a iniciativa cun 3-1. Lonxe de deixarse ir co título e o ascenso xa no peto e escudarse nun equipo con moitas modificacións, os noieses deron un paso adiante definitivo, tanto os habituais como os “novos”. De feito foi Xavi Souto, un dos debutantes, quen puxo a primeira pedra da remontada, co tanto do 3-2 no minuto 30. Pouco despois, co propio peso do bo xogo dos brancos, chegaron os demais goles, de Jorge, Brais e Dani Prieto. Este último repetiu no minuto final, penalizando o porteiro-xogador local, para colocar o 3-6 que suma a 24ª vitoria noiesa e os 73 puntos na táboa.


Noite redonda para o Filial, que continúa gañando e amosando a súa ambición de seguir competindo ata o final, ademais da boa saúde dunha Escola Deportiva que empuxa forte por detrás. A vindeira semana, derradeiro partido da campaña no Agustín Mourís, recibindo ao Cidade de Narón na 29ª e penúltima xornada.


 

Ficha técnica

O Korreo Guitiriz FS: Martín Fernández (p), Diego Fernández, Diego López, Asier González e Jacobo Seijas. Tamén xogaron Daniel García, Alberto Fraga, Adrián Vázquez, Jesús Díaz, Esteban Roca (c), Xoel Ferreiro e David Vázquez.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Théo (p), Lucho (c), Jorge, Brais e Dani Prieto. Tamén xogaron Iván (p), Mateo Vázquez, Oliver Chenel, Xavi Souto, Gandoy e Álvaro Fernández.


Goles: 1-0 Asier González (4’), 1-1 Gandoy (20’), 2-1 Hugo, en propia portería (24’), 3-1 Diego López (25’), 3-2 Xavi Souto (30’), 3-3 Jorge (31’), 3-4 Brais (34’), 3-5 Dani Prieto (34’), 3-6 Dani Prieto (40’).


Os colexiados Lucía Couso Castro e Marcos Vázquez Mayán amoestaron polos guitiricenses con cartón amarelo a Asier González (21’). E polos noieses, amarelas a Gandoy (23’), Jorge (30’), Hugo (34’) e Dani Prieto (38’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 28 da Terceira División FS, disputado no Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz de Guitiriz. O conxunto local realizou un corredor de honra aos noieses nos momentos previos ao encontro, no seu primeiro partido tras conquistar o título de Liga.

bottom of page