top of page

CRÓNICA X28 FILIAL (NPA B 7–6 STE) | Épica para lograr a permanencia!

Remontada de carácter diante do segundo clasificado que deixa aos noieses matematicamente na Terceira División a falta de dúas xornadas para o final.

O Noia Portus Apostoli B seguirá unha temporada máis na Terceira División. Os brancos conquistaron unha suada e loitada permanencia grazas a unha actuación de carácter, sobrepoñéndose a un 1-4 adverso moi cedo na primeira metade para terminar vencendo ao subcampión Stellae FS nun encontro de altas emocións ata o final.


O inicio igualado viuse truncado polo 0-1 dos padroneses no minuto 8, nun desaxuste defensivo local en defensa de saque de banda. Fixo dano o gol aos de David Palmas, que acusaron de pouca contundencia atrás e atopáronse tres abaixo en apenas trece minutos, coa boa única nova do tanto de Brais co porteiro-xogador, táctica que usarían os noieses no resto do choque. O 2-4 de Jorge en superioridade numérica pola vermella directa a Hugo Sánchez foi o resultado co que se foron xogadores a vestiarios.


Xogo de cinco en ataque e liñas moi altas en defensa foi a folla de ruta do Portus Apostoli B para crer. Aos 2’ do recomezo lograba Brais o 3-4, respondido co 3-5 dos visitantes preto de alcanzar os 10 últimos minutos, nunha perda noiesa en área do Stellae FS con porteiro-xogador.


A situación estaba en contra, pero as sensacións que transmitía o Noia facían indicar que aínda quedaba moito por contar no partido. Así o demostraron, cos goles en transición de Jorge e Lucho que igualaron a contenda no minuto 31. Estourou o Mourís, e máis que o fixo co 6-5 en acción de cinco finalizada por Dani no 36’ que terminaba por dar a reviravolta ao marcador.


Restaban catro minutos de absolutos tolos, nos que o Stellae FS volveu a empatar e, amosando a súa condición de subcampión, contou con algunha oportunidade para o sétimo tanto ante unha defensa noiesa lastrada polas cinco faltas no seu haber. Salvouse o Portus Apostoli B, que non ía permitir que todo o sacrificio dos anteriores minutos se resolvera sen premio. E, a un minuto do bocinazo definitivo, nunha nova xogada de cinco, os brancos tiveron sangue fría para sacar o balón xogado desde atrás ante a presión visitante e Dani anotou o 7-6 defendido ata o último segundo polos noieses para certificar un tremendo triunfo que vale a permanencia.


Unha segunda volta de sufrimento, frustración e duros momentos que termina con desenlace feliz a dúas xornadas do final. Os 38 puntos cos que os noieses ocupan a oitava praza actualmente son suficientes para evitar a 13ª praza e tamén a 12ª en calquera combinación de empate a puntos con tres ou máis equipos. Non se merecía menos un cadro que amosou os erros propios da xuventude que posúen, pero tamén un carácter, sentimento e calidade que pouco ou nada teñen que envexar co resto de equipos da categoría.


 

Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Hugo, Pau, Álex García e Dani. Tamén xogaron Manu Lorenzo (c), Álvaro, Brais, Lucho e Jorge.


Stellae FS: Pulpo (p), Hugo Sánchez, Martín Torres, Iago Couto (c) e Xuxa. Tamén xogaron Álvaro Iglesias, Mateo Varela, Diego Pérez e Sergio Buján.


Goles: 0-1 Diego Pérez (8’), 0-2 Mateo Varela (10’), 0-3 Xuxa (11’), 1-3 Brais (13’), 1-4 Sergio Buján (13’), 2-4 Jorge (16’), 3-4 Brais (22’), 3-5 Diego Pérez (28’), 4-5 Jorge (30’), 5-5 Lucho (31’), 6-5 Dani (36’), 6-6 Álex García en propia portería (38’), 7-6 Dani (39’).


Os colexiados Cristian Fernández Comesaña e Alejandro Godar Calvar amoestaron con cartón amarelo aos locais Hugo (30’) e Álvaro (31’) e aos visitantes Álvaro Iglesias (16’) e Sergio Buján (29’). Viu a vermella directa o visitante Hugo Sánchez (11’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 28 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page