top of page

CRÓNICA X27 TERCEIRA (NPA “B” 2–0 RIB) | O FILIAL É DE SEGUNDA DIVISIÓN “B”!

O conxunto noiés proclamouse campión de Terceira e novo equipo de Segunda “B” con dous tantos de Gandoy que serviron para superar ao Ribeira FS.

O Filial competirá por primeira vez en Segunda "B" (foto: Manuel Lorenzo)

E o soño converteuse en realidade. O Noia Portus Apostoli FS “B” é campión do grupo 8 da Terceira División FS e disputará a vindeira temporada por primeira vez na súa historia a Segunda División “B”, unha proeza concretada co triunfo por 2-0 sobre o Ribeira FS.


Saltaron os noieses á pista xa sabedores de que só un triunfo os faría campións, logo do empate do Distrito Ventorrillo FS. O ambiente no Mourís estaba bañado en expectación desde o minuto inicial, agardando por ese primeiro gol que rompera a igualdade. Tentouno o Filial de todas as formas antes do descanso, mais os lucenses, a mellor defensa da categoría, defendéronse ben.


Pouco duraría ese 0-0 trala saída de vestiarios. Gandoy, cazando un balón solto na área, desnivelaba o marcador a favor dos noieses. O coruñés anotaría o seu 27º tanto do curso cinco minutos despois, no 26’, nunha gran acción individual en posición de pivote que encamiñaba o triunfo dos brancos. Coa diferenza de dous goles vixente, a pesar do insistente empuxe local por ampliala, o Ribeira FS probou nos últimos intres co xogo de cinco, sen ningún tipo de consecuencia sobre un resultado que, co son final da bucina, desatou a total alegría de equipo e afección no parqué do Mourís.


Desde setembro ata agora, o Filial adicouse a facer historia. Colocado na primeira praza da clasificación desde a segunda xornada, conseguindo unha xeira de 10 vitorias consecutivas, só deixando escapar 6 puntos na primeira volta e 11 de 81 posibles ata o momento, e, sobre todo, despregando un xogo espectacular, o condutor principal ata o que será a vindeira temporada unha nova, emocionante e desafiante viaxe na Segunda División “B”.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Hugo, Álex López, Pau (c) e Gandoy. Tamén xogaron Brais, Dani Prieto, Lucho, Bonino e Jorge.


Ribeira FS: Cristian Giraldo (p), Francisco Monterroso, David Quintela (c), Rubén Fernández e Christian López. Tamén xogaron Erik García (p), Pablo Díaz, Saúl Luna, Antón López, Gabriel Lugilde e Javier Regueiro.


Goles: 1-0 Gandoy (21’), 2-0 Gandoy (26’).


Os colexiados Adrián Buján Barciela e Tania María Penabad Canel amoestaron polos noieses con amarela a Dani Prieto (14’), Jorge (18’) e Lucho (19’). E polos lucenses, amarelas a Erik García (33’) e Javier Regueiro (37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 27 da Terceira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.


bottom of page