O Filial asinou o primeiro empate da temporada cun gol de Álex López a 6 segundos do final e abordará a segunda opción de campionato a vindeira semana.
O Noia Portus Apostoli FS “B” terá que seguir dando algún paso máis para facer realidade o soño. Os de Daniel Ventoso repartíronse os puntos co Outeiro de Rei SD na súa visita ao municipio lucense, onde un gol de Álex López a falta de 6 segundos deu os méritos mínimos ao gran partido dos noieses.
O Outeiro de Rei SD deixou proba da súa coñecida perigosidade cando, apenas no minuto 2 de partido, tomou a iniciativa no marcador, por medio dun firme golpeo cruzado de Óscar Mouriz. O tanto local non só non tumbou aos brancos, senón que os fixo espertar. Ocasión tras ocasión, os noieses merecían un tanto que se resistiu ata ben entrado o primeiro acto. Brais, ao segundo pau, nivelaba o marcador, e, despois dun golpeo de Hugo á madeira, Dani Prieto dáballe a volta definindo con sutileza un man a man co porteiro.
Ao igual que na primeira metade, os locais golpearon primeiro á saída de vestiarios. A partir de aí, o encontro entrou nun estado de ebulición e descontrol case constante, iso si, coas mellores oportunidades nas botas dos noieses. Porén, os lucenses tomarían vantaxe cunha certeira e rápida transición ofensiva definida polo capitán Diego Seijas, para deleite dun entregado Municipal de Outeiro de Rei.
Era momento de volver a reaccionar para os brancos con oito minutos por diante e cinco faltas no haber local. A falta de tres, e despois do terceiro disparo ao pau, os noieses introduciron o xogo de cinco, co que puxeron o empate final a 6 segundos do último asubío. Álex López foi o autor do gol que puxo algo de xustiza a un partido que o Filial non merecía perder.
Con este empate e a vitoria do Distrito Ventorrillo FS en Guitiriz, a distancia baixa a 9 puntos con 12 por disputarse. Para a próxima xornada, o Portus Apostoli “B” afrontará a súa segunda oportunidade de ser campión, e as condicións son as mesmas que as da que acaba de pasar: unha vitoria, na visita ao Mourís do Ribeira FS (3º clasificado), e que o Distrito Ventorrillo FS non gañe ao Sport Sala FS.
Ficha técnica
Outeiro de Rei SD: Adrián Cobas (p), Óscar Mouriz, Brais Ansede, Diego Seijas (c) e Alberto Pinheiro. Tamén xogaron Antonio López (p), José López, Francisco Fernández, Noel Escanlar, Aitor Eijo, Jorge Magadán e Eduardo da Silva.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Jorge, Pau (c) e Dani Prieto. Tamén xogaron Théo (p), Lukas, Brais, Hugo, Gandoy e Álex López.
Goles: 1-0 Óscar Mouriz (2’), 1-1 Brais (14’), 1-2 Dani Prieto (17’), 2-2 Diego Seijas (25’), 3-2 Diego Seijas (32’), 3-3 Álex López (40’).
Os colexiados Adrián González Paulo e Sergio López Riveiros amoestaron polos locais con cartón amarelo a Alberto Pinheiro (35’) e José López (36’). E polos visitantes, viron a amarela Brais (34’), Théo (35’) e Gandoy (36’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 26 da Terceira División FS, disputado no Pavillón Municipal de Outeiro de Rei.
Comments