A igualdade entre os dous equipos terminou reflectíndose no marcador final dun partido no que os noieses se tiveron que sobrepoñer a varios contratempos para terminar sacando un punto.
Goles, emoción, polémica... e un punto para cada un. De todo tivo o vital encontro entre rivais directos como o Noia Portus Apostoli B e O Korreo Guitiriz FS que, porén, deixa aos dous con sensación agridoce, por diferentes motivos, e practicamente como estaban na táboa clasificatoria.
A igualdade entre ambos equipos foi unha evidencia dende o inicio, aínda que as oportunidade caían case exclusivamente do lado dos noieses, incisivos na presión e fluídos co balón. Só faltaba o acerto de cara a portería, débeda pendente na maioría das citas. Acabou por chegar na xogada máis surrealista do primeiro tempo, na que Álex García aproveitou como puido o envío largo de Pablo para penalizar a entrada do porteiro-xogador co que os visitantes tentaron romper a dinámica, e facer o 1-0 no minuto 16 de acción.
Aínda que para surrealista, o segundo tempo. Minutos despois de cometer un erro que os guitiricenses fixeron bo para converter o empate, Brais e Hugo colleron camiño a vestiarios por sendas expulsións, cada unha máis incrible que a anterior. O Guitiriz non deixou pasar a oportunidade, e nas dúas situacións acabou anotando, a pesar da tenacidade da defensa cun xogador menos dos brancos.
Lograron igualar cos tantos de Lucho e Álex García os dirixidos por David Palmas con certa rapidez, grazas ao xogo de cinco co que gozaron dun regueiro de oportunidades claras. A alegría durou pouco, cos visitantes poñéndose de novo por diante ao aproveitar un desaxuste dun cadro branco baixo mínimos, tras as dúas expulsións.
Con cinco minutos para o final e a tensión por todo o alto, o Portus Apostoli B seguiu apostando polo xogo de cinco para darlle a volta ao electrónico. Lucho, cun remate no segundo pau a pase de Luis, converteu o 4-4, e se algún equipo tivo a intención e as ocasións para gañar, ese foi o noiés... mais, a pesar de rozar o 5-4 numerosas veces, o balón non quixo entrar e os puntos acabaron repartidos, botín insuficiente para ambos conxuntos, pero sempre mellor cunha derrota que tería sido especialmente daniña a estas alturas.
Nunha xornada de moitos empates na zona baixa, este punto mantén aos brancos na novena praza con 32 puntos, seguindo con dous por riba do que, hoxe por hoxe, suporía o descenso de categoría. A próxima fin de semana hai parón na Terceira División, polo que os noieses volverán a xogar dentro de 14 días, visitando ao Concello de Begonte na xornada 27.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Lucho, Jorge, Brais e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Yago Vizoso, Álvaro, Hugo, Luis e Álex García.
O Korreo Guitiriz FS: Jorge Cruz (p), Daniel García, Alberto Fraga, Xoel Ferreiro e Xoel Santamariña. Tamén xogaron Adrián Vázquez, Jesús Díaz, Esteban Roca (c), Diego López, Diego Carreira e Jacobo Seijas.
Goles: 1-0 Álex García (16’), 1-1 Diego Carreira (22’), 1-2 Diego López (24’), 1-3 Diego Carreira (31’), 2-3 Lucho (32’), 3-3 Álex García (34’), 3-4 Daniel García (35’), 4-4 Lucho (37’).
Os colexiados Jesús Miguéns Magariños e Marcos Vázquez Mayán amoestaron polos locais con cartón amarelo a Manu Lorenzo (13’ e 40’, tras finalizar o partido), Brais (13’ e 22’) e Álex Calvo (30’) e con vermella directa a Hugo (29’). Polos visitantes, viron a amarela Francisco Fernández (13’ e 16’), Christian Díaz (13’), Diego Carreira (38’), Daniel García (39’) e Jacobo Seijas (39’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 26 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments