
Luns, 17/03/2025 · 19:15h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Filial imponse nunha gran segunda parte para lograr os tres puntos.
O Noia Portus Apostoli FS “B” fíxose co triunfo nun axustado envite contra o Sibuscascoche Ribeira FS, que non deu o seu brazo a torcer ata a recta final de partido.
A pesar do distante da clasificación, o Filial agardaba a un Ribeira FS sólido e que, cheo de necesidades, o puxera en apretos. E aínda que así foi, a primeira vantaxe caeu do lado local, por medio dunha gran volea de Canario directa á rede no 12’. Con outro tanto de volea respondeu o cadro lucense, anotado por Fede no último minuto do acto inicial.
Todo para o final
Os duelos e a intensidade fixéronse protagonistas pouco a pouco durante a segunda metade. Lonxe de esconderse, o Filial igualou o nivel de competitividad que esixía o partido, e terminaron collendo o timón do mesmo.
Entrando nos últimos dez minutos, os brancos volveron a agarrar a iniciativa no marcador grazas ao gol de Jaime Pan, que aloxou o servizo de Izan na escadra. O 10 filialista tamén formaría parte do 3-1 dous minutos máis tarde, esta vez dándolle a asistencia a Koeman para converter unha diana que orientaba o choque para o seu lado.
O reparto de golpes continuou en ambas áreas ata que a falta de 3 minutos os visitantes introduciron o porteiro-xogador. O que os ribeiregos buscaban para recuperar terreo tornouse na sentenza. O capitán noiés Lucho penalizou unha perda do xogo de cinco rosa desde a súa media pista e fixo o 4-1 que, ademais, sería o definitivo.
Os noieses mantéñense 7º con 41 puntos, a 5 do 6º e con 1 sobre o 8º, tras esta vitoria importante na pugna pola mellor clasificación posible, xa que só un do resto de rivais cedeu esta xornada.
Próximo partido
Os filialistas descansan a vindeira fin de semana, con vistas xa ao sábado 29 de marzo, cando recibirán ao Racing de Mieres FS ás 18:00h pola xornada 26 ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Izan, Teo, Jaime Pan e Canario. Tamén xogaron Pablo (p), Lucho (c), Koeman, Brais, Dani Prieto, Hugo e Jorge.
Sibuscascoche Ribeira FS: Illi (p), David Quintela (c), Mathias, Erik García e Christian. Tamén xogaron Areñas (p), Fede, Cisco, Pablo Díaz e Jhordan.
Goles: 1-0 Canario (12’), 1-1 Fede (19’), 2-1 Jaime Pan (30’), 3-1 Koeman (32’), 4-1 Lucho (38’).
As árbitras Mayra Camila Araujo e Iria de Luis Iglesia amoestaron con tarxeta amarela polos noieses a Lucho (4’), Jorge (10’), o adestrador Guille Murillo (24’) e Jaime Pan (30’). Nos visitantes, amarelas a Cisco (30’), Pablo Díaz (32’) e o adestrador Arcadio (35’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 25 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments