top of page

CRÓNICA X25 TERCEIRA (NPA “B” 9–1 PAZ) | Un pasiño máis preto

O Filial regresou á competición amosando músculo e suma tres puntos que o deixan rozando o título de campión.

(foto: Manuel Lorenzo)

Non houbo historia no Municipal Agustín Mourís porque o Noia Portus Apostoli FS “B” encargouse á perfección de que así fora. Os filialistas encarrilaron o seu enfrontamento co SD Pazos de Borbén FS cun 6-0 ao descanso, cos tres primeiros tantos en apenas dous minutos, e unha actuación definida de principio a fin pola solidez e o bo xogo que acerca o soño á realidade.


Corrían tan só 32 segundos de encontro e os brancos xa mandaban por 2-0 cun dobrete de Gandoy, ambos a servizo de Lukas. Precisamente Lukas, un día despois de debutar na máxima categoría en Tudela co primeiro equipo, convertería os dous seguintes tantos dos seus, que colocaban o 4-0 en oito minutos. Os noieses tiñan totalmente controlado a un superado SD Pazos de Borbén FS, que sufriría dous goles máis dos locais antes do tempo de lecer, a cargo de Pau e Lucho.


Con máis ímpeto e orgullo saíron os pacenses de vestiarios, enchéndose de faltas pero tamén causando perigo sobre a meta noiesa, onde Iván estivo formidable para evitar que se reducira a diferenza. De feito, acabaría aumentando por medio dos goles de Gandoy e Lukas, que redondeaban os seus hat-trick. Martín conseguiu o tanto que recompensaba o esforzo dos vermellos antes de que Jorge lograra o noveno e último tanto noiés e da tarde no Mourís.


A vindeira semana, o Filial visita en Outeiro de Rei ao 4º clasificado. Alí irá 1º con 66 puntos e, por vez primeira, coa opción de ser campión e novo equipo de Segunda División B. Para que iso suceda, tense que dar un triunfo noiés e que non gañe Distrito Ventorrillo FS na súa visita a Guitiriz. O soño, cada vez máis preto.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Hugo, Álex López, Lukas e Gandoy. Tamén xogaron Pablo (p), Pau (c), Brais, Dani Prieto, Lucho, Jorge e Bonino.


SD Pazos de Borbén FS: Marcos (p), Joni (c), Simón, Diego e Joni Costas. Tamén xogaron Lolo (p), Sergio, Pablo, Jorge Alonso, Martín e Xandre.


Goles: 1-0 Gandoy (1’), 2-0 Gandoy (1’), 3-0 Lukas (2’), 4-0 Lukas (8’), 5-0 Pau (13’), 6-0 Lucho (18’), 7-0 Gandoy (29’), 8-0 Lukas (30’), 8-1 Martín (33’), 9-1 Jorge (35’).


Os colexiados Eloy Bello Gómez e Franco Álvaro Campagnoli amoestaron polos noieses con cartón amarelo a Hugo (16’). E polos pacenses, amarelas a Pablo (10’) e Joni Costas (13’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 25 da Terceira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page