
Luns, 10/03/2025 · 16:10h | A falta de acerto marcou o partido dun Filial que, a pesar de caer no duelo directo en Xove, certifica a permanencia restando 6 xornadas.
O Noia Portus Apostoli FS “B” perdeu no Municipal de Xove por un 4-1 que soubo a demasiado castigo para un cadro filialista que pagou caro non aproveitar as súas varias oportunidades en tramos importantes do encontro. Iso si, ao término da xornada o Filial puido celebrar a permanencia matemática con aínda 6 partidos por disputarse.
A clasificación presentaba un enfrontamento directo entre dous equipos separados por apenas dous puntos, e así se demostrou na pista, con alternancias de dominio. Houbo ocasións en ambos bandos, aínda que as máis destacadas eran de cor branca. Os noieses non foron capaces de facer bo ese momento, e o ADAMO Xove FS acabaría adiantándose no 10’, por medio de Rafa.
Pouco a pouco, o Filial foi repoñéndose do golpe, e nos últimos compases do primeiro acto chegou o tanto de Canario, que volvía a nivelar o electrónico e deixaba todo por decidirse para a segunda metade.
Os detalles marcaron a diferenza
Porén, os locais colocaríanse en vantaxe unha vez máis aos 3 minutos do reinicio, grazas ao gol de Matamoros en acción de saque de esquina. O 2-1 fixo dar un paso máis no encontro a un Xove que dificultaba aos filialistas, sobre todo coa súa presión. Aínda así, contaron con algunha chegada clara, como o disparo ao pau de Koeman que puido ser o empate.
O que puido ser, porque o que finalmente sucedeu foi o 3-1, convertido por Manu Jiménez en lanzamento de falta, xa superado o ecuador do segundo acto. Dous abaixo e lastrados polas catro faltas no seu marcador, Guille Murillo introduciu a Brais coa camiseta de porteiro-xogador, pero os locais lograron conter a superioridade numérica branca e, no 37’, Matamoros fixo o definitivo 4-1 nunha recuperación de balón.
A pesar da derrota, os resultados noutros pavillóns permitiron ao Filial certificar a permanencia matemática con 6 xornadas de antelación. Para quitarse o sombreiro, tendo en conta a xuventude e inexperiencia dun conxunto que se atopa no seu primeiro curso na categoría de bronce, e que, situado 7º con 38 puntos, agora tratará de asinar a mellor posición posible.
Próximo partido
Os noieses recibirán na 25ª xornada ligueira o vindeiro sábado 15 ás 18:30h ao Sibuscascoche Ribeira FS no Agustín Mourís
Ficha técnica
ADAMO Xove FS: Edu (p), Marcos, Iago Míguez, Nico e Renato. Tamén xogaron Matamoros, Manu Jiménez (c), Christian, Xoia, Christian C. e Rafa.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Izan, Teo, Jaime Pan e Canario. Tamén xogaron Pablo (p), Lucho (c), Koeman, Brais, Dani Prieto, Hugo e Jorge.
Goles: 1-0 Rafa (10’), 1-1 Canario (19’), 2-1 Matamoros (23’), 3-1 Manu Jiménez (32’), 4-1 Matamoros (37’).
Os árbitros Adrián Buján Barciela y Daniel Dacal Deza amoestaron nos locais con tarxeta amarela a Marcos (16’), Christian (21’) e Nico (33’). Nos noieses, amarelas a Jaime Pan (11’ e 39’), Koeman (15’), Hugo (26’), Teo (32’) e o adestrador Guille Murillo (39’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 24 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal de Xove.
Comments