CRÓNICA X24 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (LAV 3–6 NPA “B”) | A cuarta seguida e todo nun puño
- 13 hours ago
- 2 min read

O Noia Portus Apostoli FS “B” fíxose co triunfo (3-6) na súa visita a Laviana. O conxunto filialista dominou o partido e o marcador de principio a fin, prolongando a catro a súa xeira de gañados consecutivos e animando a loita polo PlayOff na parte alta da clasificación.
Os noieses abriron a lata moi pronto. No minuto 3, Oliver Chenel converteu o 0-1 ao finalizar unha acción de saque de banda. Petróleo a balón parado que volverían a sacar xa na recta final do primeiro acto, con Hugo anotando o 0-2 nunha xogada nacida desde a esquina e levando ao electrónico a superioridade noiesa nunha complicada pista.
Selando o triunfo con firmeza
A segunda metade non puido empezar mellor. Outra vez coa estratexia como aliada perfecta, o Portus Apostoli “B” ampliou diferenzas, nun córner rematado a gol polo capitán Jorge. No 25’ os asturianos inauguraron a súa conta, ao que Álvaro respondeu co 1-4 preto do ecuador do acto final.
Xa usando porteiro-xogador, o Deportivo Laviana FS e a súa afección animáronse, e co 2-4 alimentaron as esperanzas de cara ao tramo decisivo. Porén, a expulsión do local Pelayo Álvarez e os goles de Oliver Chenel e Cepeda, a pesar do terceiro dos branquinegros, terminaron por decantar os tres puntos en favor dos noieses.
Próximo partido
Os filialistas reciben no Mourís este domingo 15 a partir das 12:00h ao Caja Rural Atlético Benavente FS pola 25ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Deportivo Laviana FS: Miguel García (p), Sergio Martínez, Pelayo Álvarez, Íñigo Coto e Manel González. Tamén xogaron Fernando Fernández, Jose Rodríguez e Pelayo López.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Hugo, Nico Cuello, Teo e Oliver Chenel. Tamén xogaron Jaime Pan, Álvaro, Brais, Cepeda e Jorge (c).
Goles: 0-1 Oliver Chenel (3’), 0-2 Hugo (18’), 0-3 Jorge (21’), 1-3 Pelayo Álvarez (25’), 1-4 Álvaro (29’), 2-4 Sergio Martínez (30’), 2-5 Oliver Chenel (37’), 2-6 Cepeda (39’), 3-6 Manel González (40’).
Os árbitros Nuria Martínez e Israel Revilla, do comité cántabro, amoestaron con tarxeta amarela nos asturianos a Fernando Fernández (12’), Sergio Martínez (19’) e Pelayo López (29’). Nos noieses, amarelas a Teo (1’), Álvaro (16’) e Jaime Pan (30’). Viu a vermella directa o local Pelayo Álvarez (37’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 24 do Grupo 1 da Segunda División “B” FS, disputado no Polideportivo de Laviana.





Comments