top of page

CRÓNICA X24 TERCERA (BAR 4-9 NPA “B”) | Ao parón demostrando firmeza

O Filial logra tres importantes puntos na súa visita a Barreiros que o achegan un pouco máis ao título a falta de 6 xornadas.


O Noia Portus Apostoli FS “B” dá outro gran paso ao título de campión da Terceira División FS. A vitoria por 4-9 na pista do Praias de Barreiros CD, nunha actuación moi sólida dos noieses, coloca unha considerable vantaxe de entre 9 e 12 puntos na táboa, a falta doutros resultados, con 18 por repartirse.


Os brancos puxeron a directa ao triunfo desde ben cedo, co 0-1 de Álex López no minuto inicial. Os tantos de Hugo e Jorge colocaron o 0-3 ao descanso, curto para as ocasións coas que se contou. A saída de vestiarios tamén trouxo gol para os noieses, co 0-4 de Gandoy, pero tamén a reacción local, que con dous goles en poucos minutos volveron a meterse no encontro. As dianas de Hugo e Lucho recolocaron a distancia de catro no marcador, e a pesar de que o Praias de Barreiros CD non deu o seu brazo a torcer, o conxunto de Daniel Ventoso non perdoou as súas oportunidades para decantar definitivamente o envite do seu carón, cos goles de Lukas, Jorge e Brais no tramo final.


O Filial alcanza a xornada 24 con 21 triunfos, 63 puntos, 147 goles a favor e 60 en contra. Antes de encarar o parón de dúas semanas da competición, os noieses mirarán de esguello ao partido entre 2º e 3º que se disputará na tarde deste domingo, que podería deixalos xa a moi poucos pasos de concretar o soño.


 

Ficha técnica

Praias de Barreiros CD: José Luis Vázquez (p), Borja Rocha, Adilson, Sergio Rivas e Bruno Blanco. Tamén xogaron David López (p), Aarón Artime, Adelson, Luka Eijo, Christian de Brito e Jairo Ares.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Hugo, Álex López, Lukas e Gandoy. Tamén xogaron Théo (p), Brais, Dani Prieto, Lucho (c) e Jorge.


Goles: 0-1 Álex López (1’), 0-2 Hugo (10’), 0-3 Jorge (12’), 0-4 Gandoy (21’), 1-4 Adilson (22’), 2-4 Adilson (24’), 2-5 Hugo (26’), 2-6 Lucho (30’), 3-6 Borja Rocha (35’), 3-7 Lukas (36’), 4-7 Borja Rocha (37’), 4-8 Jorge (38’), 4-9 Brais (39’).


Os colexiados Álvaro Cambeiro Lobato e Franco Álvaro Campagnoli amoestaron polos locais con cartón amarelo a Christian de Brito (8’), Borja Rocha (24’) e Aarón Artime (33’). Nos visitantes, amarela a Jorge (29’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 24 da Terceira División FS, disputado no Pavillón Municipal de Barreiros.

bottom of page