Contundencia do Portus Apostoli B para lograr outro importante triunfo contra un rival directo pola salvación, que os coloca novenos con 31 puntos.
Dúas finais e dúas vitorias para o Noia Portus Apostoli B, esta vez superando ao Redondela FS Maramar por un claro resultado final de 8-0 que deixa aos de David Palmas con 31 puntos, na novena posición, e un pequeno colchón coa zona baixa.
Custoulle abrir o marcador aos noieses o que durou a resistencia dun Redondela que non renunciaba a xogar o balón, pero víase continuamente afogado pola presión noiesa. Brais, cun forte disparo, fixo no 9’ o 1-0, seguido polo 2-0 no 14’ de Yago Vizoso e o 3-0 no 16’ de Álex García, que reflectían no electrónico a superioridade local na pista.
Rematando unha transición no segundo pau, Jorge converteu o 4-0 que definitivamente decantaba a balanza, e foi despois do 5-0 de Álex García cando os redondeláns introduciron o xogo de cinco, mediada a segunda metade. Tivo varias opcións o Portus Apostoli B para castigar o intento visitante de buscar a milagre, e acabouno facendo co 6-0 de Álex García no 36’. Manu Lorenzo e Hugo puxeron a guinda cos dous goles finais que colocaron o 8-0.
Coa vitoria da pasada semana en Beade e o punto logrado o martes no recomezo en Pazos, os brancos suman 7 puntos dos últimos 9, en dous partidos e medio nos que, ademais, non encaixaron ningún gol. Paso adiante do filial no momento que tocaba, e que buscarán prolongar a vindeira xornada 25, na visita ao cuarto clasificado, o Distrito Ventorrillo FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Lucho, Brais, Jorge e Dani. Tamén xogaron Yago Vizoso, Manu Lorenzo (c), Álvaro, Hugo e Álex García.
Redondela FS Maramar: Sergio Prieto (p), Jorge Alonso (c), Sergio Vidal, Pablo Bas e Nicolás López. Tamén xogaron Jorge Pereira (p), Daniel Carreiro, Alejandro Pazos, Daniel Crespo, Jorge Tizón, Marcos Iglesias e Nicolás Cuello.
Goles: 1-0 Brais (9’), 2-0 Yago Vizoso (14’), 3-0 Álex García (16’), 4-0 Jorge (28’), 5-0 Álex García (29’), 6-0 Álex García (36’), 7-0 Manu Lorenzo (37’), 8-0 Hugo (38’).
Os colexiados Héctor Pérez Álvarez e Sergio Piñeiro Rivas amoestaron con cartón amarelo polos locais a Yago Vizoso (16’) e polos visitantes a Alejandro Pazos (18’) e Marcos Iglesias (38’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 24 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments