top of page

CRÓNICA X22 TERCEIRA (5CO 7–4 NPA “B”) | Freada en A Coruña

Un inicio de partido para esquecer impediu aos noieses sumar a 10ª vitoria consecutiva na súa visita ao Pavillón Novo Mesoiro.


A Coruña segue sendo territorio hostil para o Noia Portus Apostoli FS “B”. O 5 Coruña FS volveu a facerse forte na casa fronte os noieses, que cometeron demasiados erros nun mal comezo de partido que lles fixo ir a remolque e, a posteriori, encaixar a terceira derrota en 22 partidos de Terceira División FS.


Só o gol de Jorge trouxo boas noticias no equipo de Daniel Ventoso nunha primeira metade na que os brancos encaixaron un total de cinco goles, entre fallos noieses e o bo facer dun cadro coruñés moi concentrado e intenso no choque. No tramo final dese primeiro acto introduciu o técnico noiés o porteiro-xogador, que sería a tónica no segundo.


Brais, cun golazo desde banda esquerda ao comezo do reinicio, daba folgos á posible remontada. Ocasións non lle faltaron ao Filial para aproximarse máis no marcador, pero o 5 Coruña FS sería quen de castigar en momentos puntuais o xogo de cinco visitante para poñer aínda máis costa arriba a empresa. Novamente Brais e Dani Prieto, este xa no último minuto, converteron os tantos noieses restantes.


Unha derrota que, a termos de números e clasificación, frea a xeira en 9 triunfos consecutivos e mantén aos noieses no máis alto da táboa agora con 9 puntos de diferenza, e que no referente ao que non se ve, supón un recordatorio para o Portus Apostoli “B” da competitividade desta Liga. A vindeira semana, os brancos reciben ao Baíña FS – Granichan coa oportunidade de resarcirse e deixar en anécdota este resultado.


 

Ficha técnica

5 Coruña FS: Koke (p), Marco, Vilariño, Víctor e Yerai. Tamén xogaron Vituco (p), Mejuto, Quindimil, Tojo (c), Pablo Martínez, Luisma e Puertas.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Pablo (p), Hugo, Álex López, Pau (c) e Gandoy. Tamén xogaron Lukas, Brais, Dani Prieto, Lucho e Jorge.


Goles: 1-0 Yerai (3’), 2-0 Pablo Martínez (4’), 2-1 Jorge (7’), 3-1 Pablo Martínez (7’), 4-1 Luisma (12’), 5-1 Víctor (17’), 5-2 Brais (22’), 6-2 Luisma (26’), 6-3 Brais (35’), 7-3 Vilariño (39’), 7-4 Dani Prieto (39’).


Os colexiados Eloy Bello Gómez e Juan Ramón Juan Mora amoestaron polos locais con cartón amarelo a Puertas (24’), Vilariño (10’) e o adestrador Toochy (30’). E polos visitantes, amarelas a Dani Prieto (18’), Pau (22’), Lucho (24’), Brais (31’) e Jorge (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 22 da Terceira División FS, disputado no Pavillón Novo Mesoiro de A Coruña.

bottom of page