top of page

CRÓNICA X22 FILIAL (NPA B 4-5 OUT) | Reacción insuficiente

Preso dos seus erros, o Noia Portus Apostoli B non foi capaz de remontar o 0-4 en contra co que se foi a vestiarios e terminou claudicando contra o Outeiro de Rei SD.

O Noia Portus Apostoli B sufriu a súa terceira derrota consecutiva, e xa son cinco xornadas sen gañar, na visita do Outeiro de Rei SD ao Municipal Agustín Mourís, nunha actuación, grosso modo, que se repite coas anteriores: bo xogo, moitas ocasións, pero pouco acerto en ataque e moitos regalos en defensa.


Catro desas concesións propiciaron que a primeira metade, controlada máis alá diso polos noieses, se resolvera cun 0-4 no marcador. “A can fraco, todo son pulgas” define ben a situación do filial branco, moi brando en ambas áreas.


O tanto de lanzamento de falta directa de Dani no 26’ rompeu a barreira moral de cara a portería e deu motivos para crer ao Portus Apostoli B, que, de novo por medio de Dani, reduciu a distancia no marcador a dous. Porén, os lucenses interrumpiron a “operación remontada” co 2-5, nun gol que chegou a través dunha transición que foi das pouquísimas oportunidades que gozaron os visitantes na segunda metade.


O empuxe branco non desistiu, e tras marrar varias ocasións, Dani puxo co seu hat-trick o 3-5 a oito minutos do final. A falta de tres, foi momento de arriscar ao máximo co porteiro-xogador. Brais deixouno todo para converter o 4-5 no 38’, e a expulsión por dobre amarela de Rubén Carbalho con 30 segundos por xogarse puido ser o motivo para conseguir o empate. Pero as cousas non van do lado noiés, que terá que agardar unha semana máis para tentar mudar dunha vez por todas a dinámica.


Despois desta derrota, o Portus Apostoli B sigue 10º con 24 puntos. A vindeira semana, visita ao CD Beade MVMB Copefri, último clasificado con 12 unidades.


 

Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Lucho, Jorge, Brais e Dani. Tamén xogaron Yago Vizoso, Manu Lorenzo (c), Álvaro, Hugo e Luis.


Outeiro de Rei SD: Adrián Cobas (p), José López, Óscar Mouriz, David Román e Alberto Pinheiro. Tamén xogaron Arturo Fernández, Brais Ansede, Francisco Fernández (c), Rubén Carballo e Noel Escanlar.


Goles: 0-1 José López (1’), 0-2 David Román (9’), 0-3 David Román (12’), 0-4 Óscar Mouriz (20’), 1-4 Dani (26’), 2-4 Dani (27’), 2-5 Óscar Mouriz (31’), 3-5 Dani (32’), 4-5 Brais (38’).


Os colexiados Adrián Castro Villar e Roberto Pérez Giráldez amoestaron con cartón amarelo aos locais Lucho (11’), Dani (12’), Álvaro (15’) e Hugo (26’). Por parte visitante, viron a amarela Alberto Pinheiro (15’) e Rubén Carballo (38’ e 39’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 22 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page