CRÓNICA X21 XUVENIL DIVISIÓN DE HONRA FS (VTG 6-5 NPA) | Derrota en Valladolid
- Departamento prensa Noia PA FS
- Mar 3
- 2 min read

Luns, 03/03/2025 · 15:15h | Os noieses continúan líderes a pesar de enlazar tres xornadas seguidas sen gañar.
O Xuvenil DH do Noia Portus Apostoli FS non puido romper a súa xeira negativa no Lalo García de Valladolid, onde o Tierno Galván AGROCESA se impuxo o pasado sábado aos de Daniel Ventoso por un marcador final de 6-5.
O conxunto noiés sabía que requería unha das súas mellores versións para lograr os tres puntos en Pucela, pero estivo lonxe diso. A remolque desde o comezo, cos locais colocando un 3-0 tras doce minutos de partido. O tanto de Álvaro no 15’ deu esperanzas aos brancos de cara á segunda metade.
Reacción estéril
Porén, dous goles dos valisoletanos antes de alcanzar o ecuador do reinicio puxeron a empresa case imposible. E iso que, grazas a un par de dianas en poucos segundos de Brais e Oliver Chenel con porteiro-xogador, os noieses lograrían reducir distancias rápido.
En busca da épica, o gol do Valladolid Tierno Galván AGROCESA no 36’ cortou as intencións do Portus Apostoli, que se tería que conformar con tan só ceder pola mínima ao converter Koeman e Koke os tantos definitivos do partido nos últimos minutos.
Terceira xornada consecutiva sen gañar para o Xuvenil DH, cun empate e dúas derrotas que reducen o liderado na táboa a un punto sobre o 5 Coruña FS. Momento complexo para os nosos, que terán que sacar o carácter e a competitividade se queren seguir medrando como xogadores e colectivo, co foco en manterse no máis alto da clasificación.
Próximo partido
Nova viaxe a vindeira fin de semana para o Xuvenil DH noiés, que visitará ao Lácteos Cobreros Atlético Benavente FS o sábado 8 ás 17:00h no Municipal La Rosaleda benaventano pola 22ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Valladolid Tierno Galván FS: César García (p), Miguel Fernández, David Bachiller, Andrés Marcos e Alejandro Fernández. Tamén xogaron Eduardo Durante (p), Asier Cerrato, Yeray Cerrato, Roberto Ovejero, Alberto Villoslada, Javier Egido, Mario Fernández e Gonzalo Asensio.
Noia Portus Apostoli FS: Lucas (p), Saúl, Álvaro, Xavi Souto e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Sito (c), Koeman, Brais e Danito.
Goles: 1-0 Alberto Villoslada (8’), 2-0 Javier Egido (11’), 3-0 Alejandro Fernández (12’), 3-1 Álvaro (15’), 4-1 Miguel Fernández (23’), 5-1 Mario Fernández (27’), 5-2 Brais (29’), 5-3 Oliver Chenel (29’), 6-3 Mario Fernández (36’), 6-4 Koeman (38’), 6-5 Koke (39’).
Os árbitros Juan Revilla Román e Rubén Pascual Matínez amoestaron con tarxeta amarela nos valisoletanos a Alberto Villoslada (27’), Miguel Fernández (28’), Miguel Martín (38’) e Andrés Marcos (39’). Nos noieses, amarelas a Oliver Chenel (27’), Sito (32’) e Saúl (36’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 21 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Lalo García de Valladolid.
Comentários