top of page

CRÓNICA X21 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA “B” 3-4 ALB) | Axustada derrota e afástase o PlayOff


Domingo, 16/02/2025 · 19:05h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | A xeira de vitorias na casa do Filial tocou ao seu fin tres meses e medio despois, nun igualado choque que fai moi difícil o soñar con meterse entre os catro primeiros.


112 días despois, o Noia Portus Apostoli FS “B” volveu a ceder puntos como local, tras caer por 3-4 nun igualado duelo contra o cuarto clasificado, Piensos Durán Albense FS, afastándose no proceso de meterse na pelexa polo PlayOff de ascenso.


Rompeu as hostilidades cedo o Filial, grazas ao tanto de Izan en lanzamento de falta no minuto 3. Mediado o primeiro acto, os visitantes lograron o empate nunha acción de saque de esquina finalizada por Álex Cabello. Os últimos dez minutos deixaron varias oportunidades infructuosas para ambos equipos, entre elas o disparo ao pau de Canario como a máis clara dos filialistas.


Cando semellaba que se encararía o camiño a vestiarios con táboas no electrónico, unha recuperación e rápida transición dos de Alba de Tormes transformouse no 1-2, obra de Dani Álvarez a apenas 51 segundos do entretempo.


Un minuto de desconexión fatal


A segunda metade non puido empezar mellor para os de Guille Murillo. Un trallazo á escadra de Izan volvía a nivelar o marcador tan só dous minutos despois de reiniciar o duelo. Porén, o sorriso duraría pouco, xa que o Piensos Durán golpeou por partida dobre en xogadas practicamente sucesivas. Dous tantos máis de Dani Álvarez, que completaba o seu hat-trick particular, colocaban no 24’ un 2-4 do que lle custaría recuperarse ao Portus Apostoli “B”.


Co ingreso do porteiro-xogador no 33’, o Filial volcou a pista cara o lado visitante e gozou de tentativas perigosas para apretar o marcador. Debido ao exercicio defensivo e o acerto do gardameta rivais, os noieses só lograron derrubar a muralla albense a 3 segundos do final, con Brais empalando á red con tempo para nada máis que reducir a diferenza.


Triunfo do cuarto clasificado ante o sexto, un Noia Portus Apostoli FS “B” que, con 35 puntos, queda a 4 do quinto posto e a 11 dos de Alba de Tormes, moita terra de por medio nese soño do PlayOff que parece esvaecerse definitivamente.


Próximo partido


O equipo de Guille Murillo visitará ao Caja Rural Atlético Benavente FS o vindeiro sábado 22 ás 19:00h pola 22ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Izan, Teo, Jaime Pan e Canario. Tamén xogaron Pablo (p), Lucho (c), Koeman, Brais, Dani Prieto, Hugo e Jorge.


Piensos Durán Albense FS: Carlos Tejedor (p) (c), Dani Álvarez, Iván Castro, Angus e Álex Resta. Tamén xogaron Alvarito, Álex Cabello, Jorge, Jesús e Marcos.


Goles: 1-0 Izan (3’), 1-1 Álex Cabello (10’), 1-2 Dani Álvarez (20’), 2-2 Izan (22’), 2-3 Dani Álvarez (23’), 2-4 Dani Álvarez (24’), 3-4 Brais (40’).


Os árbitros Tania María Penabad Canel e Andrés Pinilla Boullosa amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Jaime Pan (1’), Canario (12’), Mosquera (24’) e Jorge (31’). Nos de Alba de Tormes, amarela a Dani Álvarez (3’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 21 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page