O Filial amplía a súa vantaxe á fronte da clasificación a 12 puntos despois de superar ao Sport Sala no Agustín Mourís.
O Noia Portus Apostoli FS “B” dá un novo golpe na mesa do campionato de Terceira División FS, ao aproveitar o tropezo do Distrito Ventorrillo FS superando ao Sport Sala FS, nun partido que pechou nos últimos minutos, e colocar así 12 puntos de marxe á fronte da táboa.
A falta de puntería dos noieses marcou o desenvolvemento do encontro. Gandoy anotou no 9’ o único gol dun primeiro tempo controlado maioritariamente polos de Daniel Ventoso, ata o momento no que os visitantes axitaron coa entrada do porteiro-xogador, que igualou un pouco as forzas, pero sen consecuencias no marcador para ningún lado.
Puido sentenciar o cadro noiés nada máis comezar o segundo acto, con ata tres ocasións claras marradas nos últimos metros. O contexto animou aos cullerdenses, aos que só un gran Iván entre paus os privou de empatar en tres transicións perigosas. Na recta final, os visitantes volveron a arriscar co porteiro-xogador, e aí, por fin, atopou o Filial o segundo, con Hugo facendo bo un roubo no 36’. Roto o saco, uns poucos segundos despois chegaron xuntos os que antes se resistiron, coas dianas de Pau e Lukas que resolveron o envite. O Sport Sala FS logrou o gol da honra no 38’ que significou o 4-1 definitivo.
Unha vitoria máis a sumar a uns números que seguen falando por si sós. 19 triunfos en 21 partidos, o 9º consecutivo, e 57 puntos no máis alto da táboa que supoñen 12 de diferenza sobre o máximo perseguidor, a falta de 9 partidos para rematar a Liga. O Filial xa comeza a acariciar o prezado tesouro, un soño que cada vez está máis preto de frutificarse despois de duros meses de traballo aos que só lles quedan uns poucos pasos por dar.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Jorge, Brais e Dani Prieto. Tamén xogaron Lukas, Pau (c), Hugo, Bonino, Gandoy e Álex López.
Sport Sala FS: Jaime (p), Stefano, Óscar (c), Nacho e Vitu. Tamén xogaron Nachete, Lucas, Álvaro e Chery.
Goles: 1-0 Gandoy (9’), 2-0 Hugo (36’), 3-0 Pau (37’), 4-0 Lukas (37’), 4-1 Lucas (38’).
Os colexiados Gabriel Chousal Prieto e Alejandro Godar Calvar amoestaron polos locais con cartón amarelo a Brais (16’), Lukas (27’) e ao adestrador Daniel Ventoso (18’). E polos visitantes, amarela a Vitu (32’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 21 da Terceira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments