top of page

CRÓNICA X21 FILIAL (BAR 7-5 NPA B) | Os regalos saen caros

As concesións dos noieses foron máis pesadas que a vontade de remontar un marcador que se puxo en contra cedo.

Continúa unha xornada máis a xeira negativa do Portus Apostoli B. Os brancos non foron quen de sumar na visita ao Municipal de Barreiros, onde o Praias soubo aproveitar os erros do seu rival para levarse o encontro por un 7-5 de resultado final.


E iso que o inicio foi inmellorable, co gol de Dani despois dunha gran acción de Pau na primeira chegada do partido. Tampouco se fixo agardar a reacción dos locais, que con dous erros noieses, en saída de presión e en defensa, colocaron o 2-1 no minuto 4. O festival de goles continuou nos seguintes minutos, con Manu Lorenzo poñendo un empate a dous que duraría pouco, de novo co Praias aproveitando fallos dos nosos.


4-2 era o marcador con doce minutos xogados e, incriblemente, tamén cos vinte que cumpriron a primeira metade, a pesar das numerosísimas oportunidades coas que contou o Portus Apostoli B para sumar algunha diana máis antes do descanso.


Si que o lograron á saída de vestiarios, con Manu Lorenzo convertendo un pase de Brais no 4-3. Unha alegría que, porén, volvería a ser ínfima. As desconexións seguían chegando a pares, e un minuto despois de poñerse a un gol de distancia, os de Barreiros mandaban no electrónico por 6-3.


Momento, con trece minutos por diante, de dar entrada ao porteiro-xogador. Os dous tantos de Brais puxeron o 6-5 e deron a esperanza de lograr a remontada pola que loitaron de todas as maneiras, mais un último fallo xa dentro dos segundos finais supuxo o 7-5 que confirmou a vitoria do Praias de Barreiros e a derrota dos noieses.


Con este resultado, o Portus Apostoli B cae á 10ª praza con 24 puntos. A próxima semana, os de Palmas, que recuperará ao gardameta Pablo tras ser baixa esta xornada por sanción, recibe no Mourís ao Outeiro de Rei SD, en choque da xornada 22.


 

Ficha técnica


Praias de Barreiros CD: Luis Rodríguez (p), Luka, Miguel (c), Sergio Rivas e Bruno Blanco. Tamén xogaron Aarón Artime, Adelson, Adilson, Antonio Baltar, Azael Fernández e Jairo Ares.


Noia Portus Apostoli B: Nacho (p), Lucho, Jorge, Pau e Dani. Tamén xogaron Manu Lorenzo (c), Álvaro, Yago Vizoso, Brais e Hugo.


Goles: 0-1 Dani (1’), 1-1 Adilson (3’), 2-1 Adilson (4’), 2-2 Manu Lorenzo (6’), 3-2 Adilson (7’), 4-2 Miguel (12’), 4-3 Manu Lorenzo (22’), 5-3 Miguel (22’), 6-3 Miguel (23’), 6-4 Brais (25’), 6-5 Brais (31’), 7-5 Adilson (40’).


Os colexiados Juan Ramón Juan Mora e Carlos Mosquera González amoestaron polos locais con cartón amarelo a Aarón Artime (30’) e Adelson (32’) e polos visitantes a Lucho (34’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 21 da Terceira División, disputado no Municipal de Barreiros.

bottom of page