
Luns, 10/02/2025 · 16:55h · Imaxe: La Isla de Siero FS | O non sentenzar cando puido fixo pasar apuros finais a un Filial que logrou amarrar os tres puntos.
O Noia Portus Apostoli FS “B” regresou de Siero coa vitoria, segunda consecutiva e primeira lonxe de casa na segunda volta, tras superar por 3-4 a un La Isla de Siero FS que meteu un susto final aos noieses.
Balón e dominio desde o principio para os brancos, que tardaron cinco minutos en adiantarse. Jaime Pan recibiu de Canario, superou o duelo e batiu ao meta rival para o 0-1. Practicamente todo o partido discorría na media pista que defendían os asturianos, pero o seguinte gol foi o do empate. En acción de saque de banda, o local Fito sacou un gran xesto técnico para rematar e colocar o 1-1.
Apenas un minuto despois, o Filial volveu a tomar a iniciativa grazas ao gol de Izan, cun disparo axustado ao pau, a pase de Koeman. Os locais volverían a igualar no tramo final, con Jorge anotando en propia portería no esforzo de evitar o avance asturiano. O á dos noieses intentou redimirse e, segundos despois, completou unha destacada xogada individual cuxa finalización impactou no pau. Pero os noieses aínda terían tempo para, dentro do último minuto do primeiro acto, retomar a dianteira. Asinando o seu dobrete, Izan penalizou a cesión cometida polo La Isla convertindo o remate da falta indirecta no 2-3.
Conclusión con suspense
A prioridade noiesa á saída de vestiarios era ampliar a vantaxe a dous tantos, e tardarían trece minutos do reinicio en conseguilo. O capitán Lucho aproveitou un balón sen dono na área local para axustizar e colocar o 2-4 que achegaba o triunfo aos seus.
Os de Guille Murillo botarían en falta o non converter algunha das ocasións marradas neses minutos previos e posteriores ao cuarto tanto cando, no tramo final, o La Isla apretou con porteiro-xogador. O gol de Saúl no 38’ engadiu máis picante e animou aos locais, que puxeron en máis dun apreto ao Filial. Afortunadamente para os noieses, niso quedou, e os tres puntos viaxaron de volta a Noia.
6ª posición con 35 puntos para o Portus Apostoli “B”, que se queda a 1 punto da quinta praza nunha zona media que continúa ao vermello vivo.
Próximo partido
O Filial recibirá o vindeiro domingo 16 ás 12:30h ao Piensos Durán Albense FS, pola 21ª xornada ligueira.
Ficha técnica
La Isla de Siero FS: Dani Piqueras (p), Mateo, Canga, Alexis e Saúl. Tamén xogaron Manuel Crespo, Chechu, Choky, Nel, Kinos, Fito e Manel.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Lucho (c), Fer, Koeman e Canario. Tamén xogaron Teo, Jaime Pan, Brais, Dani Prieto, Hugo, Izan e Jorge.
Goles: 0-1 Jaime Pan (5’), 1-1 Fito (13’), 1-2 Izan (14’), 2-2 Jorge, en propia portería (19’), 2-3 Izan (20’), 2-4 Lucho (33’), 3-4 Saúl (38’).
Os árbitros Héctor Falagán Díaz e Juan Manuel Batista Ortega amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Pablo (9’), Jaime Pan (16’), Jorge (38’), Izan (38’) e Canario (39’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 20 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Novo Polideportivo Pola de Siero.
Comments