O filial noiés marchou de baleiro na matinal do sábado, a pesar de despregar novamente unha gran actuación, que non serviu nun encontro intenso e igualado.
Repítese a frase unha semana máis. O Noia Portus Apostoli B voltou a merecer mellor fortuna por terceiro partido consecutivo, nesta ocasión no duelo na mañá do sábado fronte ao Carballiño FS, que se levou os tres puntos ao gañar por 3-4 no Mourís.
Alternativas para ambos conxuntos se sucederon durante a primeira metade dende os primeiros minutos de xogo. Tivo Jorge, nada máis comezar, as dúas máis claras das infinitas oportunidades dos noieses, ben zafadas polo gardameta local. Non se quedou atrás o conxunto carballinés, que probou a madeira nun par de lanzamentos.
Tanto insistir, acabou por ter premio para o cadro noiés. Pau, cun disparo desde fóra da área, bateu a resistencia visitante para colocar o 1-0 no 18’. Porén, o tanto sentou peor aos brancos que ao Carballiño FS, que cheirou sangue e estivo eficaz para aproveitar un erro en saída de presión para facer, un minuto máis tarde, o empate a un co que se chegaría ao descanso.
As desgrazas e malas noticias non facían máis que aumentar para o Portus Apostoli B, que aos tres minutos vía como o porteiro Pablo se ía expulsado por vermella directa por tocar o balón coa man fóra da área, nunha acción protestada polos locais. Para máis inri, o gol que devolveu a igualdade numérica (que si ou si ía durar máis do debido ao estar parado o crono durante uns 20’’ de xogo) produciuse en propia portería, no intento de cortar un pase. Os visitantes aumentarían a vantaxe co gol de Edgar Bernárdez, noutra xogada polémica, na que se pediron mans dun rival na recuperación do balón.
Corría o minuto 30 e a empresa era complicada, nun encontro que subía e subía en intensidade e tensión, pero os noieses non ían baixar os brazos. Introduciu David Palmas o xogo de cinco, mais sería nunha transición onde chegaría o gol que devolvería as esperanzas. Hugo, coa camiseta de porteiro-xogador, entregoulle o coiro a Luis ao segundo pau para facer o 2-3 no 32’ de partido.
Estouparía o Mourís cando, despois de merodear a terceira diana en varias tentativas, a acabaría por lograr Manu Lorenzo, a pase de Jorge, no minuto 37. O primeiro ben puido facer o 4-3 practicamente na xogada seguinte, pero o seu remate non veu portería nin compañeiro no segundo pau. E, para colmo de males, o Carballiño FS sería quen de converter o 3-4 deseguido, recollendo un balón solto no medio do campo e superando a Marcos na chegada ao segundo pau.
Frustración é a palabra para un Noia Portus Apostoli B que o tentou de todas formas e ata os segundos finais co porteiro-xogador, pero acabou freado por varias paradas do meta rival e a falta de puntería que leva sendo unha constante desde o comezo de curso. Outro golpe para un cadro que segue desexoso de conseguir dunha vez por todas que os seus grandes partidos se traduzan en tres puntos.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Lucho, Brais, Jorge e Dani. Tamén xogaron Marcos (p), Manu Lorenzo (c), Hugo, Pau, Álvaro e Luis.
Carballiño FS: Eric Fernández (p), Hugo Bernárdez, Edgar Bernárdez (c), Fernando Justo e Óscar Alcantarilla. Tamén xogaron Artai Losada (p), Samuel Valeiras, Noel Vázquez, Cristian Fernández, Antonio Prado, Ángel de Francisco e Ismael Santiago.
Goles: 1-0 Pau (18’), 1-1 Édgar Bernárdez (19’), 1-2 Pau (24’), 1-3 Édgar Bernárdez (30’), 2-3 Luis (32’), 3-3 Manu Lorenzo (37’), 4-3 Hugo Bernárdez (38’).
Os colexiados Álvaro Darriba Rivas e Adrián García López amoestaron polos locais con cartón amarelo a Dani (17’), Hugo (18’), Brais (36’) e o adestrador David Palmas (35’), e viu o cartón vermello Pablo (23’). Polos visitantes, tarxeta amarela para Ángel de Francisco (26’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 20 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments