top of page

CRÓNICA X1 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (NPA “B” 3–3 COR) | O novo reto comeza cun punto


Sábado, 14/09/2024 · 18:10h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Sabor agridoce para o Filial noiés, que rozou cos dedos a opción de empezar o seu periplo na categoría de bronce gañando, pero tivo que conformarse co empate.


O Noia Portus Apostoli FS “B” deu arranque á súa aventura en Segunda División “B” FS cun empate por 3-3 ante o IES Coruxo FS, nun partido igualado e intenso, no que os noieses quedaron con ganas de máis.


Motivados polo histórico debut, saíron con forza os brancos ao parqué dun Agustín Mourís que presentaba boa entrada na grada. Ese empuxe deulle ás ao Portus Apostoli “B” en forma de gol, e nunca mellor dito, con Dani Prieto cabeceando ás mallas un balón sacado en banda coas mans por Lucho, unha das famosas novidades desta temporada no fútbol sala nacional.


Hugo puido ampliar a renda filialista, pero o seu disparo pegou no pau. Aproveitouno o IES Coruxo FS, con 5 faltas no seu haber desde o minuto 8, para colocar o empate por medio de Alexis, cruzado o ecuador dun primeiro acto que se resolveu con total igualdade.


As faltas axitaron a segunda parte


Con 3 faltas se puxo o equipo de Guille Murillo apenas discorridos dous minutos do rinicio. Antes do 30’ xa eran 5, problema no que tamén se meterían pouco despois os visitantes. Entre tanta falta, o conxunto noiés atopou a oportunidade de sacar o cañón de Álvaro a relocer. O xuvenil sacou un disparo raso inapelable e imposible para o meta rival para o 2-1.


Pouco a pouco subía a temperatura do choque porque as faltas seguiron sendo protagonistas nos minutos posteriores, levando ao Filial ata en dous veces ao punto de dez metros. Na primeira, Hugo acertou e puxo o 3-1, pero na segunda, a continuación do 3-2 visitante obra de Dani, o seu intento non viu portería. Esfumouse, desa maneira, a opción de colocar de novo dous tantos de diferenza, e o Portus Apostoli “B” comprobou que, nesta categoría, non se poden deixar escapar estas circunstancias.


No 37’, Álex Fernández castigou un desaxuste defensivo dos locais para o 3-3 e reposicionar as espadas en todo o alto. Porteiro-xogador ao instante no Noia Portus Apostoli FS “B”, con Jorge tendo nas súas botas a mellor oportunidade. A un minuto do final, apostaría o IES Coruxo FS pola superioridad, chocando co pau e unha gran parada de Iván que evitaron que os tres puntos voaran a Coruxo.


Ao final, empate e sensación agridoces polo marcador case que nos dous lados. Para o Filial, o primeiro punto para iniciar o camiño e unha aprendizaxe de cara ao que se vén por diante nunha nova aventura, un novo reto emocionante e ilusionante do que o Agustín Mourís xa tivo a súa primeira pilula.


Vindeiro partido


A próxima semana, os filialistas visitarán a pista do Deporcyl Guardo FS, en Palencia.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Izan, Teo, Jaime Pan e Gandoy. Tamén xogaron Lucho (c), Fer, Álvaro, Koeman, Dani Prieto, Hugo, Iago López e Jorge.


IES Coruxo FS: Jorge Bigotes (p), Bruno, Dani, Alexis (c) e Álex Fernández. Tamén xogaron Quique, Nico Cuello, Martín, Pablo Calvo e Javier.


Goles: 1-0 Dani Prieto (4’), 1-1 Alexis (11’), 2-1 Álvaro (27’), 3-1 Hugo, en tiro de dez metros (29’), 3-2 Dani (32’), 3-3 Álex Fernández (37’).


Os colexiados Ander Orbegozo Cantón e Álvaro Sobral Moreno amoestaron con cartón amarelo polos noieses a Dani Prieto (4’) e Álvaro (26’). Nos vigueses, amarelas a Alexis (26’), Jorge Bigotes (27’) e o delegado Pepe Álvarez (29’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 1 do grupo I de Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 200 espectadores.

Commenti


bottom of page