
Sábado, 12/10/2024 · 21:55h · Imaxe: Foto Pichero | O meta rival foi o gran protagonista dun encontro no que os noieses, aínda que máis propositivos e ameazantes, marcharon de baleiro.
Dura derrota do Noia Portus Apostoli FS para empezar a Primeira División FS 2024/2024. De nada serviu ter máis iniciativa e as mellores ocasións do partido, negadas unhas por un Raúl Jiménez espectacular entre paus dos tudelanos e o resto pola falta de pólvora, ante un ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS que soubo aproveitalo para marcharse cos 3 puntos.
Quizais polos nervios da estrea, ademais na casa, ou por esa ansiedade de volver a xogar en Liga cinco meses despois, o encontro envolveuse nos seus minutos iniciais cunha capa de espesura. En canto esta foi desaparecendo, o Portus Apostoli erixiuse no conxunto con máis chegada e control do coiro. Ocasións de Power ou Pirata, entre outras, quedaron sen premio, ao igual que as máis ailladas aparicións tudelanas na área de Schütt.
Máis insistencia, mesma recompensa
O inusual resultado de 0-0 ao descanso prolongouse durante boa parte dos minutos do segundo tempo. E non por falta de insistencia, sobre todo no apartado noiés. As opcións de gol sucedíanse, algunha con maior perigosidade, outras máis tímidas, pero absolutamente todas resultando en nada. Gran culpa diso tivo Raúl Jiménez, quen se encargou con múltiples paradas de manter aos seus no marcador e de desesperar aos noieses.
A falta de pólvora non foi o único problema que lle xurdiu aos brancos. No 36’, Douglas facíase dano executando un disparo, e tiña que deixar a pista para o resto do encontro. Só un minuto despois, chegaría o único tanto do mesmo, nun dos escasos achegamentos navarros na reanudación. Das botas de Alberto Lahuerta saíu o gol, producido nunha acción atropelada e desgraciada para os intereses locais.
A resposta do Portus Apostoli foi introducir inmediatamente o porteiro-xogador, con Pirata vestido coa camiseta a tres minutos por xogarse. Porén, a sorte, ou a puntería, non mudarían. A nova temporada comeza cunha derrota difícil de dixerir para un cadro noiés sabedor de que só lle faltou o acerto, pero que ese “só” pesa moito.
Próximo partido
O Noia Portus Apostoli FS visitará ao Jaén Paraíso Interior FS no Olivo Arena o vindeiro domingo 20 ás 13:00h na segunda xornada de Primeira División FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Altamirano, Álex García e Pirata (c). Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Garrincha, Diego Fávero, Douglas, Matheus Preá e Rubi.
ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS: Raúl Jiménez (p), David (c), Alberto Lahuerta, Lucas Tripodi e Eric Pérez. Tamén xogaron Sepe, Dani Fernández, Darrieer, Gabi, Marc Campàs e Joselito.
Goles: 0-1 Alberto Lahuerta (37’).
Os árbitros do colexio cántabro Rubén Carballal Ferrero e Sergio Sánchez Llorente amoestaron polos noieses con cartón amarelo a Power Raggiati (10’), Altamirano (20’) e Peixe (34’). E nos tudelanos, amarelas a Gabi (27’), Joselito (32’) e David (40’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 1 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.
Comments