Sábado, 01/02/2025 · 17:35h | Os noieses seguen facéndose fortes na casa cun importante triunfo ante un rival directo que loitou ata o final.
O Filial do Noia Portus Apostoli FS amarrou a vitoria na casa ante O Esteo FS, nun duelo axustado e que terminou con susto para os noieses que, afortunadamente, niso quedou.
Prevíase igualdade e iso deparou o partido desde o inicio. Os brancos intentaban facer dano coa súa circulación de balón e agresividade na presión defensiva aos ponteses, que tampouco se engurraban. Iso si, os goles non se presentaron nunha primeira metade sen grandes ocasións claras, á que saíu como titular por primeira vez co Filial o xuvenil Mosquera na portería local.
De telo na man a case escaparse
A lata abriuse aos 5 minutos do reinicio. Koeman combinou con Fer, conduciu por banda dereita e, tras vencer o choque cun opoñente, entregou a Iago López para que anotara a pracer o 1-0.
Mandando no electrónico, os noieses dominaron o encontro tamén co balón, incluso incorporando ao ataque ao seu meta Iván por momentos. Porén, o 2-0 chegou nunha acción de xenialidade máis que de control. Corría o minuto 35 cando lle caeu o esférico solto e sen dono a Teo no costado dereito, e este non so pensou para envialo á escadra cun golpeo tan fabuloso como efectivo.
Razón de peso para que o O Esteo FS apostara definitivamente por un xogo de cinco co que xa ameazara antes. A férrea defensa branca impúxose ata que, a 29 segundos do final, Cokito reduciu diferenzas nunha desafortunada xogada para os de Guile Murillo que revivía as opcións dos visitantes.
Pero o medo no corpo dos afeccionados noieses presentes no Mourís instalaríase de todo coa sinalización dunha moi protestada falta de Canario que, ao ser a sexta dos seus, levaba a O Esteo FS ao punto de dez metros.
Emoción por todo o alto con 23 segundos restando no crono e un tiro chamado a decidir o resultado. O que puido convertirse nunha forma cruel de perder 2 puntos acabou sendo un susto pasaxeiro, ao perderse lonxe da portería o disparo de Cokito, sentenciando o triunfo dun Filial noiés que, desde que rematara outubro, só coñece a vitoria na casa e chega aos 32 puntos tras 19 partidos.
Próximo partido
Os brancos visitarán ao La Isla de Siero FS o vindeiro domingo 9 de febreiro ás 12:15h na xornada 20 ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Izan, Koeman, Teo e Canario. Tamén xogaron Iván (p), Lucho (c), Fer, Jaime Pan, Álvaro, Brais, Hugo, Iago López e Jorge.
O Esteo FS: Regue (p), Álex Naveira, Lukas, Jandro e Cokito. Tamén xogaron Troncho (c), Asier, Matos e Adri.
Goles: 1-0 Iago López (25’), 2-0 Teo (35’), 2-1 Cokito (40’).
Os colexiados Lidia Crespo Pardo e Daniel Dacal Deza amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Jorge (20’), Iago López (25’) e o adestrador Guille Murillo (40’ y 40’). Nos ponteses, amarelas a Troncho (26’), Cokito (36’) e Lukas (38’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 19 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments