CRÓNICA X18 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (RIV 3–6 NPA “B”) | Balsámica vitoria
- Departamento prensa Noia PA FS

- 3 days ago
- 2 min read

Sete xornadas despois, o Noia Portus Apostoli FS “B” volveu a sumar de tres. O conxunto de Chipi rachou en Zamora coa larga xeira de xornadas sen gañar, sabendo impoñerse desde o principio para lograr unha vitoria importante a nivel mental e clasificatorio.
Ata o minuto 13 non se abriu a lata no Municipal Manuel Camba zamorano. Fíxoo Brais para os filialistas, finalizando unha rápida transición. Os brancos lograron manter a súa porta imbatida nunha primeira parte de insistencia local, co bo facer defensivo capitaneado por Mosquera entre paus.
Con seriedade e acerto
Nos instantes iniciais do segundo período chegou o 0-2, obra de Oliver Chenel en acción de estratexia. Foi o mellor momento do equipo noiés, que puxo máis terra de por medio grazas ás dianas de Jorge e o recuperado Jaime Pan, que regresaba a unha convocatoria tras lesionarse en outubro.
O Portus Apostoli “B” mantívose serio ante a ameaza dun CD River Zamora FS que non tardou en introducir o porteiro-xogador. Os locais anotaron un gol con esa táctica, pero os de Chipi conseguiron dous, nas botas de Cepeda e Koeman. Os zamoranos maquillaron o resultado nos últimos momentos cunha boa xogada de cinco e un penalti.
Máis que unha vitoria para o Filial, un chute de moral e confianza despois de demasiadas semanas de excesivo castigo. Ademais, un alento de aire nas tarefas clasificatorias, onde desde a 7ª praza con 28 puntos amplían a distancia coa zona de descenso a seis.
Próximo partido
Os filialistas recibirán o vindeiro venres 30 a partir das 21:00h ao Concello de Begonte FS pola 19ª xornada ligueira.
Ficha técnica
CD River Zamora FS: Guillermo (p), Samu, Saúl, Nico Rolón (c) e Javier Iniesta. Tamén xogaron Alejandro Gil (p), Adri Hernández, Iván, Salva, Joseca, Samuel e José Antonio.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Hugo, Koeman, Nico Cuello e Brais. Tamén xogaron Iván (p), Oliver Chenel, Jaime Pan, Cepeda e Jorge (c).
Goles: 0-1 Brais (13’), 0-2 Oliver Chenel (22’), 0-3 Jorge (25’), 0-4 Jaime Pan (27’), 1-4 José Antonio (33’), 1-5 Cepeda (34’), 1-6 Koeman (36’), 2-6 Saúl (38’), 3-6 Iván, de penalti (38’).
Os árbitros Miguel Cazón e Adrián Sanz, do comité castelán-leonés, amoestaron con tarxeta amarela nos locais a Joseca (9’), Nico Rolón (12’), Adri Hernández (18’), o adestrador Óscar García Poveda (19’), Javier Iniesta (27’) e Samu (39’). Nos noieses, amarelas ao adestrador Chipi (15’), Iván (18’) e Brais (19’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 18 do Grupo 1 da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Manuel Camba de Zamora.











Comments