top of page

CRÓNICA X18 TERCEIRA (CAR 3-6 NPA “B”) | O líder sae máis reforzado de O Carballiño

Os noieses levaron a iniciativa durante todo o encontro para sumar tres puntos que os continúan a afianzar no máis alto da clasificación.


O Portus Apostoli “B” logrou unha nova e importante vitoria nunha das saídas máis esixentes do que resta de curso. Os brancos demostraron a súa solidez e condición de líder, agora con 11 puntos de diferenza sobre o 3º, nun Pavillón dos Deportes Paco Chao no que superaron ao Carballiño FS por 3-6.


A primeira metade transcorreu sen tregua sobre o parqué da vila carballiñesa. Jorge deu a vantaxe aos de Daniel Ventoso, finalizando unha gran xogada en equipo. Chegado o ecuador, os locais aproveitaron un erro para empatar de novo, pero pouco tardou Mati Bonino en volver a poñer por diante aos seus cun forte golpeo exterior. No 13’, un disparo de Dani Prieto desviado por un rival supoñía o 1-3, mais o Carballiño FS non daba o brazo a torcer, e un minuto máis tarde recortaba distancias. Puido incluso igualar o cadro azul, que dispuxo dun lanzamento de dez metros freado por Iván, cunha gran parada.


Hugo, xa nos intres iniciais do segundo tempo, conseguía o 2-4 a pase de Gandoy. O tanto deu tranquilidade aos brancos, máis seguros e incisivos co balón. Porén, os locais tornarían a poñerse a un tanto no 32’, co gol de Mathias. Ao Filial non lle tremeu o pulso e tivo a madurez necesaria para, con dúas accións rápidas concretadas por Pau e Lukas, sentenciar o partido, nun tramo final no que o Carballiño FS sufriu unha expulsión.


Xa son 16 triunfos en 18 partidos, 6 consecutivos e 48 puntos desde o máis alto da táboa. A 12 partidos para rematar o campionato, seguen sendo 6 de diferenza co 2º clasificado e agora son 11 co 3º. O camiño cara o soño continuará para o Noia Portus Apostoli FS “B” a vindeira fin de semana, recibindo no Municipal Agustín Mourís ao Cidade de As Burgas FS.


 

Ficha técnica

Carballiño FS: Eric Fernández (p), Álvaro Villanueva, Hugo Bernárdez, Edgar Bernárdez (c) e Mathias. Tamén xogaron David González, Iago Quintas, Óscar Alcantarilla, Samuel Valeiras, Antonio Prado e Xacobo Barreiro.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Hugo, Álex López, Pau (c) e Gandoy. Tamén xogaron Lukas, Brais, Dani Prieto, Lucho, Mati Bonino e Jorge.


Goles: 0-1 Jorge (8’), 1-1 David González (10’), 1-2 Mati Bonino (11’), 1-3 Mathias, en propia portería (13’), 2-3 Álvaro Villanueva (14’), 2-4 Hugo (21’), 3-4 Mathias (32’), 3-5 Pau (35’), 3-6 Lukas (38’).


Os colexiados Adrián García López e Sergio López Ramudo amoestaron polos locais con cartón amarelo a Edgar Bernárdez (12’ e 36’), Antonio Prado (18’), David González (18’), Óscar Alcantarilla (23’) e Mathias (32’). Polos visitantes, amarelas ao delegado Julio Moreno (18’) e Lucho (36’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 18 da Terceira División FS, disputado no Pavillón dos Deportes Paco Chao.

bottom of page