Domingo, 19/01/2025 · 18:20h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Filial sae gañador do tira e afrouxa cun gol a 31 segundos do final que o coloca quinto na táboa.
O Noia Portus Apostoli FS “B” gañou ante o Deporcyl Guardo FS nos últimos segundos, cun tanto de Izan que desfixo o empate no marcador dun partido con constante reparto de golpes e protagonismo do porteiro-xogador.
Desde o minuto 1 utilizou a superioridade numérica o Deporcyl Guardo FS, probablemente pola súa curta rotación de xogadores en convocatoria, condicionando así o contexto do partido para un cuadro noiés que, para ter a súa cota de balón, tamén introduciu o porteiro-xogador por momentos.
Curiosamente, entre tanto xogo de cinco, os primeiros dous goles do partido chegaron en igualdade. Anotounos o equipo de Guille Murillo, que tomou vantaxe cun par de gadoupadas exteriores de Álvaro no 4’ e no 6’, aos que os visitantes conseguiron responder na primeira acción en superioridade con éxito por medio de Leo.
Máis porteiro-xogador
Os brancos reinstauraron a diferenza de dous co tanto de Lucho no 22’. O capitán penalizou coa zurda e desde a súa media pista un erro visitante en circulación de xogo de cinco. Pouco durou o 3-1, xa que o Guardo soubo aproveitar unha falta de entendemento nos locales para, grazas a Juanlu, volver a colocarse a un. De feito, os palentinos celebraron o empate en instantes posteriores, pero o gol de Héctor Lana foi anulado por man.
Mentres, a folla de ruta da segunda parte calcaba á da primeira, cos visitantes arriscando con porteiro-xogador en todos os seus ataques e o Portus Apostoli “B” defendéndose e, cando podía, facendo o propio nalgunha das súas ofensivas. Nunha delas, Iago López sacou un golpeo á escadra, previo desborde cara o centro, que colocaba o 4-2 no 30’.
O Deporcyl seguía sen tirar a toalla, e, no 33’, logrou apretar o marcador unha vez máis, coa diana de Jose Colomera. E á terceira foi a vencida, porque nesta os amarelos, que insistiron con máis forza, si foron quen de empatar o marcador, ao desviar Chochy á rede o remate anterior dun compañeiro a 3’07’’ do final.
Espadas por todo o alto e dous equipos que se ían a xogar o todo polo todo con porteiro-xogador para lograr tres importantes puntos. Xa dentro do último minuto, as defensas e o respecto ao erro impoñíanse, polo que todo indicaba que o botín acabaría repartido. Ata que, a 31’’ do final, o balón quedaba morto tras un disparo de Iago López rebotado por un opoñente, perfecto para que Izan superara a un meta rival xa batido e asegurara os tres primeiros puntos do 2025 para o Filial.
Con este triunfo, o Noia Portus Apostoli FS “B” ascende á quinta praza da táboa con 29 puntos, empatado co sexto, FS Salamanca Dehesa Grande.
Próximo partido
Os noieses visitarán ao Stellae Leis Pontevedra FS o sábado 25 ás 17:00h no Pavillón Príncipe Felipe, pola xornada 18 de Segunda División “B” FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Fer, Teo, Koeman e Canario. Tamén xogaron Lucho (c), Brais, Hugo, Álvaro, Iago López, Izan e Jorge.
Deporcyl Guardo FS: Pol (p), Chochy (c), Jose Colomera, Héctor Lana e Juanlu. Tamén xogaron Felipe Otto, Miguel Sarmento e Leo.
Goles: 1-0 Álvaro (4’), 2-0 Álvaro (6’), 2-1 Leo (11’), 3-1 Lucho (22’), 3-2 Juanlu (23’), 4-2 Iago López (30’), 4-3 Jose Colomera (33’), 4-4 Chochy (37’), 5-4 Izan (40’).
Os árbitros Andrés Pinilla Boullosa e Miguel Jesús Rodríguez Pontanilla amoestaron nos noieses con cartón amarelo a Jorge (39’). Nos palentinos, amarela a Héctor Lana (26’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 17 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments