O Filial tivo que darlle a volta ao marcador e incluso resistir o asedio final dos visitantes, cando o encontro xa semellaba sentenciado, para sumar a 15ª vitoria da temporada.
O Portus Apostoli “B” mantén a súa renda no máis alto da táboa de Terceira División FS, logo de superar a un ED Vigo 2015 FS que llo puxo moi complicado no inicio, colocándose cun 0-2 en apenas 3 minutos, e no final, apertando o resultado a un axustado desenlace co 5-4 definitivo.
Se o anterior partido na casa, contra o Distrito Ventorrillo FS, comezara de maneira inmellorable, o desta xornada 17 fíxoo totalmente ao revés. A través dunha cabalgada do meta rival e dunha perda en zona perigosa, o Vigo 2015 construíu un 0-2 que, nos minutos posteriores, defendeu con solidez e desesperando aos de Daniel Ventoso. O atasco durou ata que chegaron os goles. Pau, no 14’ tras unha xogada individual, e Brais, no 17’ facendo bo un balón solto na área, nivelaron o electrónico e, así, deixar atrás definitivamente o feble inicio dos noieses.
Apenas un minuto do reinicio tardou o Filial en completar a remontada, grazas ao gol de Jorge, a pase de Dani Prieto. O dobrete de Álex López, un deles cunha volea de moi bela factura, deixaba practicamente encarrilado o duelo a favor dos brancos. Porén, e ao igual que no anterior partido na cancha noiesa, os visitantes terminarían reducindo distancias usando o porteiro-xogador, con dous tantos a falta dun minuto. A piques estiveron de engadir un máis e, por tanto, o empate, pero aí apareceu achicando espazos de maneira providencial Iván para evitar que os tres puntos escaparan nos últimos segundos do Agustín Mourís.
Con este resultado, todo sigue igual na parte alta da táboa. Os noieses reinan con 45 puntos (6 de diferenza sobre o 2º e 9 co 4º), pero acurtan unha xornada máis ao camiño. A seguinte fin de semana, os brancos visitan ao Carballiño FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Hugo, Álex López, Pau (c) e Gandoy. Tamén xogaron Brais, Lucho, Lukas, Mati Bonino, Jorge e Dani Prieto.
ED Vigo 2015 FS: Alberto (p), Viny, Javi López, Conde (c) e Diego. Tamén xogaron Rolo, A. Rodríguez, Izan, Camilo, Jorge e Chino.
Goles: 0-1 Alberto (2’), 0-2 Camilo (3’), 1-2 Pau (14’), 2-2 Brais (17’), 3-2 Jorge (22’), 4-2 Álex López (29’), 5-2 Álex López (32’), 5-3 Viny (39’), 5-4 Viny (39’).
Os colexiados Lucía Couso Castro e Adrián González Paulo amoestaron polos locais con cartón amarelo a Mati Bonino (39’). E polos visitantes, amarelas a Alberto (19’), Samuel (24’), Izan (24’) e A. Rodríguez (26’) e viu a vermella directa Joel Sánchez (36’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 17 da Terceira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comentarios