top of page

CRÓNICA X16 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (COR 5-4 NPA) | Derrota pola mínima en Coruxo


Domingo, 12/01/2025 · 17:40h | O Filial non puido sumar no seu primeiro compromiso do 2025.


O Noia Portus Apostoli FS “B” deu inicio á segunda volta cunha derrota ante o IES Coruxo FS (5-4), nun partido axustado, con momentos para cada equipo, que se decidiu na recta final.


A saída ao encontro do Filial non foi a ideal, e iso reflectiuse no marcador. Apenas ían 6 minutos de partido cando os noieses xa cedían por 2-0, froito de sendos goles de Álex Fernández, e no 15’ chegou o 3-0 de Quique.


Guille Murillo respondeu á desvantaxe arriscando co uso do porteiro-xogador, que serviu de revitalizante para un Filial que volveu a meterse no marcador antes do descanso, cos tantos de Koeman e Brais.


O xogo de cinco marcou todo


Jaime Pan reinstaurou a igualada aos 5 minutos do reinicio, a guinda á dominancia branca co porteiro-xogador. Porén, a expulsión de Dani Prieto forzou aos noieses a dar un paso atrás, aínda que lograron superar a inferioridade numérica sen encaixar, en boa parte ao acerto entre paus de Iván. Os vigueses, non obstante, aproveitarían a inercia pouco despois de rematar o prazo de dous minutos por medio de Dani, que convertía o 4-3.


Reacción inmediata filialista, con Brais colocando o 4-4 un minuto máis tarde, tamén con xogo de cinco. Pero o porteiro-xogador sempre é un arma de dobre fío, e, unha perda posterior, acabaría conducindo ao quinto e definitivo gol dun IES Coruxo FS que contivo o empuxe final dun Portus Apostoli “B” que se foi de baleiro de Roteas.


Con este resultado, o Filial mantense na 6ª posición con 26 puntos.


Próximo partido


O conxunto de Guille Murillo recibirá o vindeiro domingo 19 ás 12:30h ao Deporcyl Guardo FS na 17ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

IES Coruxo FS: Jorge Bigotes (p), Dani Cervelo, Iago Rodríguez, Quique e Alexis (c). Tamén xogaron Adán Álvarez, Bruno, Pablo Calvo, Álex Fernández, Dani, Martín e Javier.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Hugo, Jorge, Koeman e Brais. Tamén xogaron Lucho (c), Álvaro, Fer, Teo, Jaime Pan, Dani Prieto, Canario e Oliver Chenel.


Goles: 1-0 Álex Fernández (4’), 2-0 Álex Fernández (6’), 3-0 Quique (15’), 3-1 Koeman (17’), 3-2 Brais (18’), 3-3 Jaime Pan (25’), 4-3 Dani (32’), 4-4 Brais (33’), 5-4 Iago Rodríguez (34’).


Os árbitros Ander Orbegozo Cantón e Álvaro Sobral Moreno amoestaron con tarxeta amarela nos vigueses a Dani Cervelo (27’) e ao adestrador Lucas Fernández (28’). Nos noieses, ensinaron amarela a Dani Prieto (13’), que tamén viu a vermella directa (28’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 16 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal de Coruxo.

Comments


bottom of page