Traballado triunfo do Filial noiés, que serve para manter a vantaxe no máis alto da táboa, ante un Vilalba FS “B” que non entregou a culler ata pasada a media hora de encontro.
O Noia Portus Apostoli FS “B” logrou unha nova vitoria, 4ª seguida e 14ª en total, no Municipal de Vilalba, na visita ao Grupo Forma-t Vilalba FS “B” que inauguraba a segunda volta do campionato ligueiro de Terceira División FS, por un marcador final de 4-7.
O encontro comezou con sorpresa, xa que os locais, 14º e antepenúltimos na táboa, adiantábase por mediación de Miguel Méndez no 11’. Os verdes levaron a cabo unha proposta de xogo que dificultou ao Filial noiés, incapaz de bater a portería rival ata a recta final do primeiro acto. Gandoy, no 18’, poñía de novo a igualdade nun resultado de 1-1 co que se chegaría a vestiarios.
Os dous tantos de Bonino no reinicio do choque achandaron o camiño do Filial, que tomaría o rumbo definitivo á vitoria no treito decisivo aproveitando os espazos e erros concedidos polos vilalbeses. O gol de Diego Amado para reducir diferenzas no 31’ quedou en anécdota tras as dianas de Álex López, Pau e Bonino, de novo por partida dobre. A distancia puido ser maior, de anotar os dous tiros de dez metros que dispuxeron os de Daniel Ventoso, mais Dani Prieto e Bonino marraron os seus intentos. Nos últimos tres minutos e en xogo de cinco, os locais sumaron dous goles que completaron o resultado.
O líder segue cumprindo e manterá, como mínimo e á espera de que xogue o segundo clasificado, os 6 puntos de renda por segunda semana seguida. A vindeira xornada, o Portus Apostoli “B” recibirá no Agustín Mourís ao ED Vigo 2015 FS.
Ficha técnica
Grupo Forma-t Vilalba FS “B”: Martín Vilasuso (p), Iker Pita, Daniel Pardo, Nuno Sousa (c) e Johan Fariñas. Tamén xogaron Kevin Guizán (p), Adrián Díaz, Diego Amado, Miguel Méndez e Hugo Prieto.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Lukas, Jorge e Dani Prieto. Tamén xogaron Pau (c), Brais, Hugo, Bonino, Gandoy e Álex López.
Goles: 1-0 Miguel Méndez (11’), 1-1 Gandoy (18’), 1-2 Bonino (26’), 1-3 Bonino (28’), 2-3 Diego Amado (31’), 2-4 Álex López (32’), 2-5 Bonino (32’), 2-6 Pau (33’), 2-7 Bonino (34’), 3-7 Daniel Pardo (37’), 4-7 Johan Fariñas (39’).
Os colexiados Eloy Bello Gómez e Sergio López Riveiros amoestaron polos locais con cartón amarelo a Miguel Méndez (29’), e polos visitantes, amarelas a Gandoy (20’) e Lucho (25’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 16 da Terceira División FS, disputado no Municipal de Vilalba.
Comments